17:42 h. Viernes, 17 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Manuel Baltar defende un “ecosistema de innovación” con administracións, axentes sociais e emprendedores

O presidente da Deputación de Ourense presentou no "South Summit" 2015 o modelo de xestión que puxo en marcha no goberno provincial, no seu relatorio: "O papel das institucións públicas no desenvolvemento do sector empresarial"

Stadio Sport  |  08 de Octubre de 2015 (00:00 h.)
Más acciones:

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, Manuel Baltar, defendeu este mércores en Madrid na súa intervención no "South Summit" 2015, o evento de emprendedores e innovación empresarial máis importante do mundo, a implantación dun "ecosistema de innovación" no que se impliquen conxuntamente administracións, axentes sociais e emprendedores, "porque o apoio ao financiamento é clave, pero non é menos importante desenvolver as condicións apropiadas, con procedementos sinxelos, que permitan xerar ideas, articular proxectos de éxito e garantir a sostibilidade das empresas".

Manuel Baltar presentou en inglés as innovacións que puxo en marcha no goberno provincial, sendo o único político convidado, e participou na "Start-up School", sección na que xestores e empresarios presentan ferramentas de vangarda e consellos de innovación.

Baltar foi convidado pola organización do South Summit, que se celebra entre os días 7 e 9 de outubro na Praza de Touros de Las Ventas, en Madrid, encontro no que participarán as start-ups máis innovadoras e os speakers de primeiro nivel mundial. Nesta edición prevense superar as cifras do ano pasado, que rexistraron preto de 7.000 asistentes de 34 nacionalidades, 3.500 emprendedores, 1.800 grandes empresas e 450 investidores.

O presidente do goberno provincial explicou que unha das liñas estratéxicas do Plan Ourense 15-19 –a folla de ruta da Deputación para este período político- "é a atracción de emprendedores nacionais e internacionais que veñan da man de investidores externos. Dende a Administración estamos a traballar para que neste contexto internacional de grande actividade investidora unha parte deste emprendemento se asente na provincia de Ourense". "Somos unha administración sólida que actúa con firmeza, dous atributos que esixe calquera proxecto emprendedor de éxito, aos que se lle suma a planificación e a previsibilidade", dixo, lembrando que a Deputación de Ourense foi a primeira administración pública en aprobar no mes de setembro os orzamentos do ano seguinte.

Por este motivo, remarcou, "estamos a xerar un clima para que investidores internacionais non só invistan en ideas e negocios ourensáns, senón que queremos ir da man deles de tal forma que o investidor achegue a parte financeira e nós, como Administración, acheguemos o ecosistema ideal para poñer en marcha o proxecto de negocio". "O esencial é crear o clima, o ecosistema, o ambiente para que a idea e o proxecto empresarial xermine", dixo, convencido de que "en política e na Administración tamén se pode innovar: nós patentamos o concepto "Provincia intelixente", que supera ao de Smart city, porque cremos que Ourense é unha provincia start up".´

O presidente da Deputación subliñou que a Administración "debe resolver os problemas burocráticos", considerando "palabra máxica" á Cooperación, "pero para que sexa efectiva é fundamental ter visión e un plan para acadala", e citou como exemplo o Observatorio Económico Provincial "que nos axuda a deseñar o futuro".

Baltar considera que a estabilidade política é clave para o desenvolvemento efectivo dos proxectos, nunha provincia agradable e sostible como a de Ourense "na que estamos a desenvolver un Plan Termal que nos diferencia e singulariza", e destaca que a oferta comercial da provincia de Ourense "susténtase en razóns territoriais, administrativas e de sectores estratéxicos, onde tamén é fundamental a xente, os nosos recursos humanos e a nosa hospitalidade, un pobo emigrante que sabe o que é o esforzo".

"En Ourense, en Galicia ou en España non nos falta talento ou espírito emprendedor", dixo Manuel Baltar, e reforzou esta afirmación coa frase que máis utilizou na súa disertación: "I Believe in Ourense" (creo en Ourense), para expresar seu convencemento de que dende a provincia de Ourense pódese crear un importante polo de investimento no que se desenvolvan importantes proxectos tecnolóxicos, moi orientados cara á Administración Electrónica e todas as súas potencialidades", na liña do concepto de "Provincia Intelixente" que el mesmo creou para aglutinar os proxectos e procesos que se están a levar a cabo en Ourense no ámbito da innovación aplicada aos servizos públicos.

 

Modernización tecnolóxica

Manuel Baltar considera que a Administración provincial está inmersa nun importante proceso de modernización tecnolóxica, o que supón un elevado investimento, "pero estamos a colaborar con multinacionais do sector para que eses investimentos teñan o retorno que merecen na sociedade, en forma de mellores servizos que fagan os trámites máis sinxelos e rápidos para que os cidadáns gañen tempo e perciban unha xestión máis eficiente e eficaz por parte da Administración. Temos que mudar o "volva vostede mañá" polo "quédese con nós", en alusión a que os cidadáns poden levar a Administración no peto e facer calquera trámite dende o seu dispositivo móbil".

Baltar basea este convencemento en que os grandes proxectos "son elementos tractores doutros máis pequenos, que ben poden ter seu berce en Ourense ou ben poden pertencer a emprendedores que se queren implantar na nosa provincia". "O que está claro –engade- é que somos unha Administración que aposta decididamente polos proxectos tecnolóxicos, dado que o noso entorno favorece a expansión e crecemento destas iniciativas de innovación", explicou, citando como exemplo que en Ourense se ubica o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) e grandes empresas dos sectores agroalimentario, téxtil, vitivinícolas, da industria auxiliar do automóbil ou mesmo da lousa.

Remarcando as potencialidades de Ourense, Manuel Baltar explicou que co histórico avance nas comunicacións, motivado pola chegada da Alta Velocidade en 2018, "a provincia de Ourense converterase no punto de conexión entre a área Atlántica, a capital de España e o Norte de Portugal. E a iso hai que engadir o esforzo que se está a realizar potenciando os recursos naturais entre o que destaca o termalismo, sector estratéxico na nosa provincia por ser un dos principais territorios do mundo no que atinxe a riqueza termal. A nosa provincia é sinónimo de "benestar" e a "Marca Ourense" que estamos a promocionar leva consigo aparellado tamén os termos "Innovación" e "natureza"; tres palabras sobre as que se asenta o presente e o futuro do noso territorio".

"Por todo iso e moito máis cremos en Ourense, o noso lema actual", expresou o presidente da Deputación. "Temos que explotar as nosas singularidades e converter á nosa provincia nun lugar importadora de ideas e de negocio. En Europa e América moitas cidades teñen variado seu ecosistema para atraer pequenos emprendedores que a medio prazo fortaleceron o seu proxecto empresarial. Pero o noso concepto vai máis aló territorialmente falando: non só queremos unha cidade atractiva senón que facemos extensiva esta proposta a ofrecer toda unha provincia na que poder investir e situarse", afirmou Manuel Baltar, citando como exemplos a Tel Aviv, Portland ou Curitiba, cidade esta última á que foi convidado o presidente para presentar o seu modelo de provincia, no marco do Seminario internacional sobre Governança metropolitana, promovido polo Banco Interamericano de Desenvolvimento e o goberno do Estado de Paraná que se celebra os vindeiros 22 e 23 de outubro. Neste evento exporanse os modelos da provincia de Ourense xunto coas experiencias neste ámbito de urbes como Bos Aires, Medellín e Toronto.