00:01 h. sábado, 20 de abril de 2024

O Goberno municipal de Ourense continúa coa rolda de contactos para explicar as liñas nas que se baseará o futuro PXOM

Stadio Sport  |  29 de diciembre de 2015 (18:21 h.)

O alcalde, Jesús Vázquez, e o concelleiro de Urbanismo, José Cudeiro, mantiveron un encontro con representantes da Federación Veciñal Limiar para analizar os puntos programáticos de carácter xeral do planeamento

 

O Goberno Municipal de Ourense mantén a rolda de contactos para explicar as liñas nas que se baseará o futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal a todos aqueles colectivos e entidades interesados en coñecer polo miúdo os traballos que se están levando a cabo co equipo redactor.

Estes encontros suceden así ás reunións periódicas, de carácter técnico, que se mantiveron cos representantes municipais e cos técnicos do Concello e redactores do PXOM.

Na reunión deste martes, á que asistiron o alcalde, Jesús Vázquez, e o concelleiro José Cudeiro, serviu para explicarlles aos representantes da Federación Veciñal Limiar os puntos programáticos de carácter xeral entregados previamente aos grupos políticos para  seu análise, incidindo principalmente nos temas que afectan á delimitación dos núcleos rurais e os solos periurnos da cidade. Tamén se lles deu conta dos temas informativos tratados na Comisión creada sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal e na que interveñen todos os grupos políticos.

O alcalde, Jesús Vázquez, recalcou que a reunión, de carácter informativo, serviu por unha banda para expoñer o traballo desenvolto nos últimos meses por parte do equipo de goberno, así como para explicar as cuestións que se abordaron cos diferentes grupos políticos das reunións mantidas nas últimas semanas. O rexedor calificou a reunión de “moi productiva”, tendo en conta que tamén serviu para recoller as inquedanzas dos representantes veciñais, así como para explicar os aspectos postos enriba da mesa por parte do equipo de goberno para chegar a puntos de encontro cos diferentes grupos políticos. Explicou Jesús Vázquez que o punto de partida é o PXOM aprobado inicialmente polo anterior grupo de goberno, ao que se lle une o traballo actual para dotar ao futuro planeamento da cidade da necesaria seguridade xurídica  “e que promova unha cidade de futuro feita para as persoas”.

Sobre os puntos programáticos de carácter xeral, a Federación Limiar amosouse receptiva e conforme cos puntos tratados, do mesmo xeito que expuxeron determinadas cuestións que preocupan a veciños de diferentes zonas da cidade, sobre todo referidas aos edificios fóra de ordenación ou os núcleos rurais, principais motivos das máis das 5.600 alegacións que se presentaron no seu día ao documento.

Hemeroteca