20:12 h. martes, 16 de abril de 2024

O Grupo Popular desaproba que se dilate no tempo a elaboración dun novo Regulamento Orgánico da Deputación de Lugo

Stadio Sport  |  29 de diciembre de 2015 (17:35 h.)

Armesto critica a censura do Presidente da Deputación que se nega ao diálogo para aprobar un novo Regulamento da Deputación sen tardanzas inxustificadas e representativo da corporación

 

 

O Grupo Popular desaprobou este martes a proposta do Goberno provincial para a elaboración dun novo Regulamento Orgánico da Deputación de Lugo. O vicevoceiro, Carlos Armesto, acusou a socialistas e a nacionalistas de elaborar a iniciativa que trouxeron hoxe a pleno cunha “clara vontade de enganarnos” para dilatar no tempo a redacción do anteproxecto do ROF.

En concreto, Armesto explicou que a proposta de Presidencia en relación co Regulamento Orgánico propón un prazo de tres meses para a elaboración do anteproxecto. “Estamos ante unha dilación inxustificada no tempo froito da falta de traballo deste Goberno provincial e do seu nulo interese para cumprir co acordo plenario adoptado no pasado mes de novembro, que establecía o período dun mes”, di o popular.

Armesto lembrou que os populares levaron á última sesión plenaria unha moción, aprobada por unanimidade, para modificar o Regulamento Orgánico. “Vostedes, -en referencia a socialistas e nacionalistas-, nun acto de mala fe deixan entrever que atenden a ese acordo plenario cando están a incumprilo”, explicou. Os populares defenderon na sesión desta mañá que se presentase o anteproxecto no prazo dun mes, proposta que non foi atendida polo Goberno provincial. “Durante este tempo non houbo ningunha reunión. Nada fixeron”, critica Armesto.

A maiores, a proposta do Goberno provincial para a modificación do Regulamento Orgánico da Deputación inclúe a constitución dun grupo de traballo, integrado por un representante de cada un dos grupos provinciais, así como o deputado non adscrito. “Esta proposta non é representativa da constitución da corporación”, criticou Armesto, quen apoiou un número de representantes do PSOE e do BNG igual ao do PP, xa que os populares tamén contan co mesmo número de deputados que socialistas e nacionalistas, a maiores de ter presenza o deputado do grupo non adscrito.

 

Falta de diálogo

Polo tanto, os socialistas e os nacionalistas trouxeron a pleno unha proposta que dilataba no tempo a redacción do novo Regulamento e a maiores a comisión de elaboración non era representativa da corporación. “Negáronse ao diálogo para aprobar un novo regulamento sen tardanzas inxustificadas e preferiron falalo máis tarde para non comprometerse a sacar adiante o Regulamento no prazo dun mes”, criticou Armesto, quen engadiu que “estamos ante un goberno en minoría, débil e pouco dialogante”.

Por último, Armesto incidiu na importancia de aprobar un novo Regulamento Orgánico que permita garantir o funcionamento da institución e, deste xeito, conseguir a través do reforzo das competencias do pleno unha xestión pública responsable, eficaz e transparente, dado que “temos un goberno en minoría que ten manifestado en numerosas ocasións a súa incapacidade para xestionar a institución”.  

Hemeroteca