00:00 h. martes, 19 de marzo de 2024

Candia defende unha programación turística centrada en accións concretas “obrigándonos a ter resultados a curto prazo”

Stadio Sport  |  02 de enero de 2016 (20:42 h.)
articulos-742

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, presentou esta mañá a hostaleiros e asociacións o plan de traballo do Concello de Mondoñedo en materia turística para o ano 2016. A popular entende o turismo como un dos principais xeradores de recursos e un dos sectores estratéxicos da localidade e, polo tanto, un importante dinamizador da economía local. 

Elena Candia defende unha programación turística “centrándonos prioritariamente en accións concretas e obrigándonos a ter resultados a curto prazo”.

Tras analizar os principais problemas que afectan ao turismo local, entre os que citou a falta de planificación; a alcaldesa deu a coñecer as actuacións máis inmediatas e outras que se realizarán a medio prazo, ademais de anunciar a creación da marca Na Mariña Lucense...MONDOÑEDO...mil historias para vivir. A reunión co sector, celebrada esta mañá no salón de plenos do Concello, tamén lle permitiu á rexedora recoller as opinións tanto dos hostaleiros como das asociacións.

ACTUACIÓNS INMEDIATAS

Entre as actuacións máis inmediatas e que requiren poucos recursos, a popular citou a necesaria retirada dos carteis das obras, a limpeza de graffities na Praza de Abastos e na Casa da Cultura, o adecentamento de xardíns, a posta en valor de recursos como A Fonte Vella (iluminación, intensificación da limpeza, colocación de teas para as pombas...) e a reorganización de contedores, entre outras.

ACCIÓNS A MEDIO PRAZO

En canto ás accións a desenvolver a medio prazo, o plan de traballo en materia turística do Concello de Mondoñedo inclúe melloras na sinalización, ata en tres idiomas, ademais de incrementar os puntos de información turística.  A maiores,  a popular defendeu a necesidade de sacar adiante iniciativas de mellora para o tráfico, como son a retirada de todos os obstáculos da Praza do Seminario, ou a dotación de aparcadoiros sinalizados para buses (o que se lle ofrecerá ás axencias de viaxes). Por último, xa no mes de xaneiro, modificarase a ordenanza de ornato público, que incentivará a limpeza de inmobles privados.

CREACIÓN DE MARCA E DE SEIS PRODUTOS TURÍSTICOS

A popular Elena Candia tamén anunciou a creación da marca Mariña lucense...MONDOÑEDO...mil historias para vivir. Explicou que se respectará o xeodestino pero que se potenciará o concepto de “historia”, moi propio de Mondoñedo. Deseñarase un logotipo, que se reproducirá en produtos de merchandising, o que “permitirá a xeración dalgún recurso pero que servirá principalmente como estratexia de marketing”, matizou.

Durante a reunión, a alcaldesa tamén pediu as propostas dos hostaleiros e das asociacións “xa que será imprescindible a colaboración de todos” para a creacións de seis produtos turísticos.

1.- Mondoñedo é... Arte e literatura: A Catedral, roteiros literarios (Álvaro Cunqueiro e Leiras Pulpeiro), Centro Cultural da Alcántara, música, museos...

2.- Mondoñedo é... Historia e arqueoloxía: A cova, o Castro de Zoñán, o casco histórico, a Catedral e patrimonio arquitectónico...

3.- Mondoñedo é... Artesanía: talleres de artesanía (taller de pedra, serigrafía, alfarería, cartón ...), Feira de Artesanía...

4.- Mondoñedo é ... Natureza: rutas de sendeirismo ( a da Auga e a da Fraga Vella), Cova do Rei Cintolo, barranquismo, camping...

5.- Mondoñedo é ... Camiño: elaboración dunha guía de recursos para a campaña específica de Mondoñedo como final de etapa, mellor atención ao peregrino, produtos específicos, novas iniciativas privadas...

6.- Mondoñedo é... Gastronomía: especial promoción da Tarta de Mondoñedo con visita aos obradoiros, aposta pola horta mindoniense, posta en valor do recetario de Álvaro Cunqueiro....

DAR A COÑECER O PRODUTO

Para dar a coñecer o potencial turístico de Mondoñedo e a creación dos seis produtos turísticos, ademais da creación de Marca, tamén se elaborará un díptico xenérico cos seis produtos, crearase unha conta específica en facebook, así como unha páxina web (que se presentaría en Semana Santa) e un vídeo promocional de 4/5 minutos. Amais, reforzaríase a oficina de turismo e máis prevese a aprobación dunha ordenanza para xerar algún ingreso, como por exemplo, a través do cobro por visita guiada con prezo atractivo.

Outras das accións, son a da presentación á asociación de guías turísticos e ás federacións e asociacións de axencias de viaxes; o intento de celebración dunha fram trip, coa colaboración de outras administracións; e a promoción con puntos de información en lugares estratéxicos (praia das Catedrais, eventos multitudinarios da comarca...).

FITUR

A alcaldesa de Mondoñedo tamén asistirá a Fitur 2016, o próximo 21 de xaneiro, onde manterá reunións con ata 30 axencias de viaxes e intentará acadar acordos con outras institucións.

Hemeroteca