17:33 h. Viernes, 17 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

A VI Noite Aberta marcará o inicio do San Froilán 2015

O Concello colabora con esta iniciativa organizada pola Asociación de Autónomas de Lugo, que acollerá a cidade luguesa o vindeiro venres, 2 de outubro, a partir das 17:00 horas

Stadio Sport  |  01 de Octubre de 2015 (00:00 h.)
Más acciones:

 

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e a presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Nora Real, presentaron este mércores no Salón de Plenos a VI Noite Aberta Open Night, que acollerá a cidade luguesa o vindeiro venres, 2 de outubro, a partir das 17:00 horas. O Concello colabora un ano máis con esta iniciativa posto que se enmarca na súa aposta por impulsar o comercio, un sector estratéxico en Lugo, na que máis do 80% das empresas pertencen ao sector servizos. Ao acto tamén asistiu o presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas, e a vicepresidenta da Deputación, María Teijeiro.

No acto, Carmen Basadre manifestou a importancia de darlle un impulso ao pequeno comercio, “que realmente é o que da vida á cidade luguesa”, ao tempo que destacou a “continua e estreita” colaboración que se estableceu entre Concello e Asociación de Autónomas de Lugo para potenciar o comercio de Lugo e dinamizar a economía e o emprego da cidade.

Pola súa banda, Nora Real agradeceu a colaboración institucional para organizar “a festa do comercio de Lugo” e animou a todos os lucenses e visitantes a participar nesta VI Noite Aberta Open Night.

 

70 establecementos e múltiples descontos

Nesta edición participan preto de 70 establecementos do centro da cidade, identificados cunha alfombra rosa, que entre as 17:00 e as 00:00 horas ofrecerán múltiples descontos nun amplo catálogo de produtos de téxtil, calzado, complementos ou xoias, así como sorpresas para todas as persoas que se acheguen aos locais. Un ano máis, na Praza Maior a partir das 17:30 horas, celebrarase o Gran Desfile de Moda, presentado pola artista lucense Lucía Pérez, no que os comercios presentarán as súas tendencias para o outono-inverno. Ás 22:00 horas terá lugar un espectacular fin de festa, que dará comezo cun chupinazo. A continuación haberá demostracións de baile, actuacións musicais e algunha que outra sorpresa. A Tuna de Lugo será a encargada de pechar este evento.