00:02 h. viernes, 19 de abril de 2024

Xulio Ferreiro esixiralle responsabilidades patrimoniais á FGF se incumpre o convenio da cidade deportiva de San Pedro de Visma

Stadio Sport  |  31 de diciembre de 2015 (00:03 h.)

O Goberno municipal insta o presidente da Federación, Rafael Louzán, a cumprir o acordado entre a entidade e o Concello en xullo de 2012

 

O Goberno municipal lamentou este mércores a deslealdade institucional demostrada esta semana por Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol, ao impulsar unilateralmente, sen que mediase comunicación oficial de ningunha clase co Concello da Coruña, a renuncia do investimento previsto en San Pedro de Visma. Tal e como lembra o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, a entidade comprometérase a construír alí un edificio administrativo e institucional, así como outras obrigas relacionadas no convenio, asinado en xullo de 2012, e na concesión outorgada polo Concello. O responsable municipal de Deporte advirte de que, no caso de incumprirse os termos do protocolo asinado polo anterior alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o presidente da Federación Galega de Fútbol na altura, José García Liñares, o Concello esixirá responsabilidades patrimoniais á Federación por medio dunha demanda contencioso­administrativo na que solicitará indemnización económica por danos e prexuízos, e procederá á revogación da concesión administrativa. 

O concelleiro subliña que o convenio asinado en 2012 facía constar a consideración dos terreos de Visma como “idóneos para potenciar a actividade federativa e a práctica do deporte” por ambas as dúas partes, e recalcaba que a parcela de equipamento “satisfai especificamente as necesidades da Federación Galega de Fútbol en orde a dispoñer dun edificio administrativo e institucional acorde cos fins que desenvolve”. Como tamén fai notar o responsable municipal, o documento establecía un prazo máximo de 24 meses para edificar o inmoble unha vez obtida a licencia de obra, que foi concedida polo Concello en decembro de 2014, de xeito que a Federación “puido e debeu valorar a magnitude da obra e o seu custo hai moito tempo”.  

Así mesmo, Sande incide no posicionamento da Corporación municipal a prol de que a entidade deportiva cumpra os termos do convenio, que quedou plasmado na moción aprobada polo Pleno celebrado o pasado 5 de outubro, na que se explicitaba o apoio ao Concello e se pedía o cumprimento dos acordos do protocolo de 2012 para posibilitar a construción da sede da entidade na cidade da Coruña, así como o resto de equipamentos. Tamén, recorda que o Concello “asumíu, comprometeu e aboou obras de urbanización, cun elevado custo económico que pagou a cidadanía coruñesa, de acordo a un convenio que agora a Federación Galega de Fútbol pretende incumprir”. 

 

Hemeroteca