00:06 h. Viernes, 22 de Septiembre de 2017

Stadio Sport

O BNG insta o Goberno Municipal a que acorde de xeito inmediato a reversión no Concello da Coruña dos terreos de San Pedro de Visma cedidos á FGF para a construción da súa sede

Logo da decisión da asemblea da FGF de revogar o acordo da construción da sede nos terreos cedidos en San Pedro de Visma, as nacionalistas lembran que que esta reversión non tería custo ningún para o Concello pois os pregos da concesión demanial recollen que o concesionario non tería dereito a ningunha indemnización

Stadio Sport  |  30 de Diciembre de 2015 (18:05 h.)
Más acciones:

 

O Grupo Municipal do BNG no Concello da Coruña empraza o Goberno municipal a que demande da Federación Galega de Fútbol a reversión inmediata dos terreos de San Pedro de Visma tras a decisión da Federación de revogar o acordo de decembro de 2013 pola que se comprometía á construción da súa nova sede nesas instalacións.

No seu momento, o Bloque amosárase moi crítico co convenio asinado polo anterior Goberno municipal coa Federación Galega de Fútbol. Para a formación nacionalista, o acordo supoñía un agasallo do Goberno a esta entidade deportiva porque lle cedía unhas parcelas municipais durante 75 anos para que o ente construírse un edificio administrativo –onde estabelecería a súa sede– e mais dous campos de fútbol. Ademais, malia non seren os campos de fútbol de uso exclusivo do Concello, o convenio recollía que os gastos de mantemento terían que ser soportados polas arcas municipais e non pola Federación. Alén disto, o BNG da Coruña lembra que o Goberno anterior aprobou uns pregos que regulaban a concesión demanial gratuíta da parcela a favor da Federación Galega de Fútbol para a construción das súas oficinas administrativas e sede institucional.

Nestes pregos, recóllese especificamente que son obrigas do concesionario, entre outras, "destinar a parcela obxecto da concesión á construción e implantación das oficinas administrativas e sede institucional da Federación Galega de Fútbol (...)". Tamén recolle que serán motivo da finalización da concesión "o incumprimento das condicións e obrigas impostas ao concesionario no presente prego" e "a dedicación de parte ou totalidade da parcela a usos distintos dos especificamente sinalados neste prego".

É por isto, que as nacionalistas consideran que toda vez que a Federación Galega de Fútbol acordou onte na súa asemblea xeral anular o seu propio acordo, tomado por unanimidade en 2013, de construír a súa sede nas instalacións conveniadas é deber do Goberno Municipal facer cumprir os pregos de condicións do convenio asinado entre ambas partes e solicitar de xeito inmediato a devolución dos terreos para a súa reversión no Concello da Coruña, xa que "esta reversión non tería custo ningún para o Concello pois os pregos da concesión demanial recollen que o concesionario non tería dereito a ningunha indemnización", sinalan as nacionalistas.