00:00 h. viernes, 26 de abril de 2024

Gómez Noya, prata na proba de Cidade do cabo das Series Mundiais

Stadio Sport  |  27 de abril de 2015 (02:43 h.)

Fernando Alarza foi quinto nunha proba espectacular cun Alistair Brownlee brillante

 

Javier Gómez Noya logrou a medalla de prata na cuarta proba das Series Mundiais 2015, que se celebrou este domingo en Cidade do Cabo (Sudáfrica). Foi unha proba dunha enorme calidade, con dous galegos entre o top-five, xa que Fernando Alarza logrou a quinta posición. O protagonista da proba foi Alistar Brownlee, que regresaba á competición despois de moitos meses por lesión, e fíxoo amosando unha enorme superioridade, a pesar de que caeu na carreira a pe, tras un tropezón con Gómez Noya.  

Houbo novidades antes de que os deportistas saíran a competir. A organización veuse obrigada a reducir á metade a distancia na natación por culpa das baixas temperaturas da auga (en torno aos 11 grados). Ademais, non participaba na proba Richard Varga, que é o absoluto dominador deste sector, nin Jonathan Brownlee, líder provisional do mundial e gañador de dúas probas. Desta forma, non houbo distancias importantes ao saír da auga e entrar na T-1, de onde saíron en cabeza os favoritos con Alistair e Javier ao fronte, e moi preto un Fernando Alarza disposto a demostrar que ía ser protagonista. Por detrás, pero moi preto, outro galego, Pablo Dapena que fixo unha natación moi boa e non se descolgou na bicicleta. 

O segmento do ciclismo foi un pouco estraño porque non houbo ataques e marcharon nun grupo amplísimo dunhas sesenta unidades, polo que parecía clave estar ben situado no momento de entrar na área de transición para deixar a bicicleta. Javi Gómez Noya, Alistair Brownlee e Fernando Alarza foron os máis rápidos e enseguida se puxeron en cabeza xunto a Luis Vincent e o sudafricano Richard Murray, que marcaron un ritmo de carreira imposible de seguir polo resto dos triatletas. 

Este quinteto parecía decidido a que o triunfo ía decidirse entre eles e iso a pesar da caída de Alistair Brownlee, tras tropezar con Gómez Noya. Afortunadamente para el o británico non se fixo dano e só perdeu uns metros que recuperou con facilidade. A sorpresa estaba na ausencia de Mario Mola deste grupo e ademais tampouco parecía que tivera opcións de alcanzalo. 

Pouco a pouco Alarza foi perdendo metros cos catro primeiros e no paso pola metade da carreira a pe, parecía estar moi forte Luis Vincent, pero curiosamente foi o primeiro en quedarse atrás no quilómetro 7. Cando só quedaban dous quilómetros para meta Javi decidiu atacar e así tamén perdeu Murray, e quedaron sos Gómez Noya e Brownlee na loita polo triunfo. E de repente, Alistair, que afrontaba a primeira proba da tempada despois de estar case desaparecido por unha lesión á que nunca se lle puxo nome, cambiou de ritmo cunha facilidade impresionante e logrou deixar atrás a Javi coma se este estivese parado e non marcando un ritmo altísimo. Os últimos 1.500 metros de Alistair foron unha exhibición, e rematou cun tempo de 01:39:19. Javi Gómez Noya asegurou unha moi boa segunda posición (01:39:24) e Fernando Alarza fixo top-five, na que posiblemente foi a súa proba máis completa a súa carreira (01:39:51). 

Ademais, hai que destacar que o pontevedrés Pablo Dapena foi 31º cun tempo de 01:42:11 e Luismi Velázquez, venezolano con licenza galega que adestra no Grupo de Alto Rendemento do CGTD, abandonou na bicicleta. 

Trala disputa das catro primeiras probas do Mundial, Javi Gómez Noya é primeiro, mentres que segundo clasificado é Mario Mola –que hoxe foi oitavo- e terceiro Fernando Alarza.  

As Series Mundiais contan este ano con dez probas: Abu Dhabi, Auckland, Gold Coast, Cidade do Cabo, Yokohama, Londres, Hamburgo, Stockholm e Edmonton e Chicago (a gran final). Para a clasificación mundial os deportistas suman os cinco mellores resultados sendo obrigatorio participar na Gran Final, que ten unha puntuación moito máis alta.

Hemeroteca