10:56 h. Jueves, 23 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

O Grupo de barrio de Monte Alto do BNG lembra un ano máis a figura de Pedro Galán Calvete

Este ano, a maiores da tradicional ofrenda floral no camposanto de Santo Amaro, organízase unha conferencia en homenaxe ao secretario de Organización das Mocidades Galeguistas da Coruña

Stadio Sport  |  18 de Septiembre de 2015 (08:43 h.)
Más acciones:

 

O grupo de barrio do BNG de Monte Alto homenaxeará un ano máis a Pedro Galán Calvete, secretario de Organización das Mocidades Galeguistas da Coruña, nado na cidade en 1917 e asasinado a mans dos franquistas na Corveira en 1936.

Mais desta volta a homenaxe contará con dúas actividades: unha conferencia o venres 18 e a tradicional ofrenda floral o sábado 19. Deste xeito, mañá venres, a partir das 20.00 h, no local da A.VV. de Monte Alto terá lugar a conferencia "A Coruña berce das Irmandades da Fala" ao cargo da profesora da UdC Pilar García Negro. Logo, o sábado, terá lugar a ofrenda floral, que se celebrará a partir das 12.00 h diante de onde descansan os restos do mozo asasinado, e que contará coa intervención de familiares de Pedro Galán, para posteriormente dar paso a Avia Veira, portavoz do Grupo Municipal do BNG e veciña de Monte Alto.

O BNG convida, como todos os anos, á veciñanza da Coruña a se sumar á homenaxe a aquel mozo que sempre saudaba estreitando a man esquerda porque, segundo el mesmo dicía, era a que sae do corazón e chega ao corazón da outra persoa e que resaltou pola súa madurez e compromiso co país nuns tempos tan complexos. As nacionalistas sinalan que acreditar no país, na súa lingua e cultura, na xente do pobo e nas súas potencialidades ou reclamar Soberanía na procura de xustiza social foron elementos chave na curta vida de Pedro Galán Calvete que após de oitenta anos seguen a ser referenciais para o Bloque Nacionalista Galego.