
As nacionalistas sinalan que a Marea Atlántica novamente volve cambiar de criterio respecto das declaracións no principio do mandato ao nomear esta mañá ao director de área de Rexeneración Urbana e Vivenda
Na Xunta de Goberno Local, que tivo lugar esta mañá, aprobouse o nomeamento do novo director de área de Rexeneración Urbana e Vivenda. Neste sentido, o BNG lembra que o Goberno municipal manifestou, ao principio de mandato, o seu compromiso de apostar polo funcionariado do Concello. Sen embargo, outra vez máis, a actuación do Goberno da Marea Atlántica e diametralmente oposta, incumprindo de novo cos seus compromisos públicos.
Deste xeito, e toda vez que xa perderon o seu valor as declaracións do Sr. Ferreiro, que ao pouco de tomar posesión prometía “reducir o gasto do goberno nun millón de euros ao ano” mediante a supresión “dos directores de área máis aló do asesor xurídico, que é obrigado, e un coordinador de seguridade” xa que “confiaban nos funcionarios”, o Grupo Municipal do BNG pregúntase até cantos novos nomeamentos van realizarse, e se algunha das “boas palabras” respecto aos traballadores municipais eran veraces.
Para o Bloque, a realidade dos feitos pon en evidencia que as frases pronunciadas no seu momento referidas á “redución do custo e o número de asesores”, e á “aposta polos funcionarios do Concello que son profesionais competentes” simplemente eran un brinde ao sol.