11:01 h. Jueves, 23 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

O BNG-AA de Betanzos pide no Pleno un plan para erradicar a herba da Pampa

Demandan un plan con “prazos e medidas concretas” para ir eliminando paulatinamente esta especie invasora do concello. “Non pode ser que o PSOE siga delegando calquera actuación contra as especies invasoras nas asociacións ecoloxistas, debe tomarse en serio o tema porque é un problema ambiental moi importante no concello e en toda a comarca”

Stadio Sport  |  07 de Octubre de 2015 (00:18 h.)
Más acciones:

 

O BNG-Asembleas Abertas demandou no Pleno medidas concretas para eliminar a herba da Pampa. “O plumacho chegou ao noso Concello desde que o plantaron nas medianas da AP-9 e tamén no Pasatempo nos anos 90” recordou Del Río, que explica que esta planta invasora provoca “danos nos cultivos e empobrece os ecosistemas eliminando outras especies vexetais, cun dano evidente para a paisaxe e a biodiversidade”, explica o voceiro nacionalista. “Onde prende a herba da Pampa non se dan nin as silveiras”, resume graficamente.

Pero ademais as nacionalistas advirten de que esta planta representa un perigo para a saúde das persoas con afeccións respiratorias. Explican que a ameaza que representa é maior ao brotar “con facilidade entre as tellas e os canalóns producindo danos nos edificios e que, ademais, arde moi doadamente polo que a súa presenza incrementa o perigo de incendio”.

Desde o BNG-Asembleas Abertas advirten de que é unha planta que ocupa un amplo espazo dentro do propio casco urbano. “Na Cañota, na Veiga, no porto, na zona escolar ou no Frade hai ducias de pés desta especie, mesmo arrimada a edificios, con todo o perigo que representa”, advirten. “Tamén está extendida nas fragas do Mandeo e o encoro, ameazando os dous espazos naturais de máis valor do municipio”, explican.

Neste sentido, as nacionalistas lamentan que a pesar de que o Pleno xa aprobou varias medidas encamiñadas a eliminar esta planta, non se acometeron os traballos necesarios para erradicala. “Un plan en varias etapas podería sacar esta ameaza dos espazos naturais e do lado das casas cun custo relativamente modesto, non entendemos por qué o goberno local do PSOE non se puxo con este tema”, engade Del Río.

Isto levou ao BNG-Asembleas Abertas a pedir no Pleno un plan con “prazos e medidas concretas” para ir eliminando paulatinamente esta especie invasora do concello. As nacionalistas recordan que esta especie “está incluida no Catálogo de Especies Exóticas Invasoras, o que implica automaticamente que está prohibido ter esta planta así como o seu transporte, tráfico e comercio de pés ou partes da planta”.

 

Un bando para informar á veciñanza de que debe eliminala

Por este motivo, desde o BNG-Asembleas Abertas indican que “como primeira medida o goberno local debera informar do que supón ter esta planta á veciñanza”. “Con un bando pode recordar a normativa vixente e indicar a forma de eliminala”, explica Del Río. “Segundo nos indicaron, hai que aplicar un producto especial que actúa sobre a planta, evitando contaminar o solo, non vale cun simple desbroce porque se propaga e brota con maior forza”, engade.

Ademais, as nacionalistas demandan ao goberno local que inclúa nese bando unha indicación para que se deixe de utilizar o plumacho para adornar as embarcacións dos Caneiros. “O uso dos plumachos por desgraza supón que as embarcacións espallan aínda máis esta plaga polo Mandeo arriba”, explican. “Non pode ser que o PSOE siga delegando calquera actuación contra as especies invasoras nas asociacións ecoloxistas, debe tomarse en serio o tema porque é un problema ambiental moi importante no concello e en toda a comarca”, conlcúen.