Impartiranse 2 especialidades de animación físico-deportiva e recreativa e unha de dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil
O Centro Príncipe Felipe dependente da Deputación de Pontevedra foi acreditado pola Consellería de Traballo e Benestar como centro homologado para impartir os certificados de profesionalidade de Animación físico-deportiva e recreativa, Animación físico-deportiva e recreativa para persoas con discapacidade e Dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil.
Convértese así no único centro da provincia incluído no rexistro de centros e entidades de formación para o emprego para a acreditación da especialidade de animación físico-deportiva e recreativa e no único centro de todo Galicia acreditado para impartir o certificado de profesionalidade desta especialidade orientada ás persoas con discapacidade.
As modalidades de animación físico deportiva e recreativa e de dinamización de actividades de tempo libre que se impartirán no Centro Príncipe Felipe pretenden favorecer a calidade do sector, mediante a mellora da cualificación de cada traballador e constitúen unha cualificación profesional recoñecida en todo o territorio español.
Estes certificados de profesionalidade capacitan aos alumnos para elaborar, xestionar e desenvolver proxectos de animación relacionados coa actividade física e o deporte, así como para a organización de eventos e actividades de tempo libre adaptados ás necesidades e características tanto dos colectivos aos que van destinadas como ás propias dos espazos nos que se desenvolvan.