01:59 h. viernes, 26 de abril de 2024

Adeus a Deus

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  18 de junio de 2015 (02:56 h.)

Case catro séculos facía (agás o paréntese da República) que os alcaldes das sete cidades do Antigo Reino de Galicia non deixaban de reunirse en Lugo para a Ofrenda ao Santísimo Sacramento

 

Este ano 2015, en pleno século XXI, rompeuse a tradición e foi o punto de partida para que corresen regueiros de tinta, ao mesmo tempo que posturas encontradas entre os que aluden á tradición como obriga, e os que consideran que as tradicións son de todo menos irrompibles. Especialmente cando teñen que ver coas crenzas persoais que supostamente non van aparelladas a un cargo institucional.

Os alcaldes de A Coruña e Santiago de Compostela optaron ese día por agasallar cousas máis terreais, coma unha homenaxe a unha científica de prestixio no caso de Xulio Ferreiro. Aínda que pareza que debera ser algo normal, esas rarezas  alporizaron a toda a comunidade relixiosa e a parte da que non o é, até o punto de que o mesmo día do acto, o Arcebispo oficiante e a alcaldesa de Mondoñedo -encargada da ofrenda en sustitución do ausente Martiño Noriega, a quen correspondía este ano tal honra- non aforraron reproches contra os alcaldes rompetradicións. A piedade cristiá, que nunca descansa.

A posteriori, o susodito Arcebispo, na compaña doutros colegas de profesión, asinaron unha carta onde nos fixeron saber o seu desgusto porque o pobo teña elixido gobernantes que non queren seguir facendo as cousas coma no século XVII. Mesmo que presuman de ser consecuentes coa Constitución que proclama abertamente que España é un Estado aconfesional cando todos sabemos que diso, nada. Que ese mesmo Estado español mantén á Igrexa exenta de pagar o IBI das súas propiedades e destínalle 159,2 millóns de euros (a razón de 13,26 ao mes), entre outros privilexios,  dos presupostos de todos os españois. 

Pero non é suficiente, porque os cartos non dan a felicidade. A felicidade é ter ó rebaño vivindo tradicionalmente, bicando aneis papais e facendo ofrendas a beatíficas figuras que moran en pazos e catedrais libres de cargas para os ministros celestiais. Máis ocupados eles en recibir para poder dar, como rezaba aquela campaña da Renda para que marcaras a X na súa casiña.  Que reciben sabémolo fixo. Se dan e a quen, xa non nos consta.

E aínda que na carta de desagravio aos alcaldes díscolos tratábase de manter as formas e a educación, traslucíase igualmente a mensaxe intrínseca da mesma: 

Xulio, Martiño....non tedes perdón de Deus!

Hemeroteca