00:08 h. viernes, 03 de mayo de 2024

Catro premios Egeria con moito que dicir sobre o sexismo que se coa nos soños, nos piropos, na arte e no deporte

Rosa Tedín | Ourense  |  14 de diciembre de 2015 (20:30 h.)
gal1

Os estereotipos de xénero nas expectativas de futuro da mocidade en situación de desprotección e conflito social; os piropos; a creación artística como estratexia reflexiva arredor do papel da muller na sociedade patriarcal e a perspectiva de xénero na intervención didáctica do alumnado de grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.

Estes son os catro traballos distinguidos na segunda edición dos Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos fin de grao e de mestrado na Universidade de Vigo. Os galardóns principais recaeron en alumnas da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. 
Os premios Egeria, explica Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, constitúen “un bo incentivo para que o alumnado introduza a perspectiva de xénero na súa carreira investigadora, posto que tanto os traballos fin de grao como os de mestrado son os primeiros traballos de investigación que realizan na súa formación e orientará a súa forma de investigar, introducindo como hábito a categoría de análise o xénero”. Alén de recoñecer e pór en valor a investigación con perspectiva de xénero e feminista, estes galardóns, recalca a responsable da entidade organizadora, son unha forma tamén de que o profesorado oferte titorizar traballos que teñan en conta o xénero e que o propio alumnado os reclame, posto que teñen unha dotación económica. 
 

gal1Soñando co futuro desde a igualdade

Nestes II Premios Egeria, o primeiro premio na categoría de traballo fin de mestrado foi para Estereotipos de xénero nas expectativas de futuro da mocidade en situación de desprotección e conflito social, de Noelia García Ferreiro, que realizou o Máster en Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos, na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. A investigación empregou como instrumento para a recollida de datos o relato curto, a través do cal 64 mozas e mozos de 14 e os 19 anos de toda Galicia transmitiron as súas expectativas de futuro, tanto no ámbito público coma no privado. “Os resultados reflicten a presenza de estereotipos de xénero indistintamente da situación de desprotección ou conflito social na que se atopan. As mozas seguen presentando maioritariamente trazos relacionados á expresividade e manifestando posicións relegadas ao ámbito privado fronte aos trazos instrumentais que presentan os mozos e o seu posicionamento no ámbito público”, resume a egresada. Á vista dos resultados, recalca, constátase a necesidade de implementar programas sociocoeducativos que permitan rachar coas barreiras de xénero. “A promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, xunto coa erradicación de calquera tipo de conduta sexista, son cuestións que non poden quedar no esquecemento de ninguén pero menos se cabe das persoas que estamos vencelladas coa educación”, subliña García Ferreiro.
gal2

Non aos piropos

O primeiro premio na categoría de traballo fin de grao foi para Piropos: afagadores ou práctica que mantén os estereotipos de xénero?, de Raquel Lois Gómez, egresada do grao en Educación Social da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense. “Os resultados desta investigación mostran que as mozas seguen recibindo comentarios/piropos que fan referencia á súa aparencia e ao seu corpo sexuado, reforzando os estereotipos de xénero que vinculan a feminidade coa beleza da aparencia física e a instrumentalización dos seus corpos sexuados para o pracer dos homes. Mostra tamén que os piropos non só son emitidos por persoas coñecidas senón tamén por persoas descoñecidas, sendo estas últimas as que xeran maior malestar”, resume a autora. A súa motivación para elixir esta temática, apunta a premiada, xurdiu porque “a pesar de terse superado moitas das formas máis hostís do sexismo, este non se ten superado senón que se ten transformado en formas máis sutís, que son máis difíciles de ver e de identificar”. A cultura occidental, denuncia, axuda a reforzar unha imaxe feminina onde o esencial é o corpo, onde o aspecto físico prima por riba das capacidades, algo que non ocorre nos homes, facilitando así o mantemento dos estereotipos de xénero na construción da identidade. 
gal3

O persoal é político

O accésit na categoría de traballo fin de mestrado foi para O persoal é político. A creación artística como estratexia reflexiva arredor do papel da muller na sociedade patriarcal, de Ester Gandía Martínez, que realizou o Máster Universitario en Arte Contemporánea. Creación e Investigación, da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra. A orixe deste traballo, apunta a autora, xorde a raíz dunha agresión sexual sufrida pola propia egresada en México meses antes de comezar a realizar o máster. Segundo relata Gandía Martínez, “lonxe de evitar este tema decidín empezar a investigar sobre a teoría e o movemento feminista e as súas manifestacións artísticas”, tomando como punto de partida una experiencia autobiográfica para conectala cunha realidade social baseada no patriarcado, exercida estrutural, simbólica e directamente. O seu traballo, afirma, “foi o xermolo dun cambio a nivel persoal, de aprender a nomear de forma clara e concisa o que, estatisticamente, a unha de cada tres mulleres lle acontecerá no transcurso da súa vida se non se logra romper cos paradigmas socioculturais que imperan”, recalca.
gal4

Eliminando nesgos de xénero no deporte

O accésit na categoría de traballo fin de grao foi para A perspectiva de xénero na intervención didáctica do alumnado de grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte: linguaxe e formación de grupos, de Olaia Rivero González, egresada do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra. A finalidade deste traballo, realizado con Alberto López Martínez, foi a concienciación sobre a importancia do emprego dunha linguaxe inclusiva en todos os ámbitos. Para acadalo, analizaron desde unha perspectiva de xénero a linguaxe do alumnado de terceiro curso do grao, vendo como “é fiel reflexo da sociedade patriarcal na que vivimos co emprego dunha linguaxe sexista tanto na escrita como na fala”. Grazas a este traballo, afirma a autora, conseguiron “facer reflexionar ao alumnado sobre a cuestión de xénero; formarnos e concienciarnos da importancia do emprego dunha linguaxe inclusiva na nosa vida académica e persoal; describir como é a formación de grupos no relativo ao xénero e recoller as expresións con implicación de xénero utilizadas cando o alumnado imparte unha sesión”. O traballo, sinala, fixo á xente reflexionar sobre como se pode contribuír a un cambio social facendo algo “tan fácil” coma mudar certos aspectos da linguaxe.

Hemeroteca