10:53 h. Martes, 23 de Abril de 2019

A Universidade de Vigo faise co Campionato Galego de Natación

Máis de 50 deportistas competiron en ata 24 modalidades distintas no campus de Ourense. O equipo vigués fíxose con 11 medallas de ouro, oito de prata e oito de bronce

Stadio Sport  |  04 de Marzo de 2015 (20:15 h.)
Más acciones:

 

Disputada competición este mércores na piscina do campus de Ourense, que acolleu aos máis de 50 deportistas das tres universidades galegas que participaron nunha nova edición do Campionato Galego Universitario de Natación. Tras competir en ata 24 modalidades distintas e acadar 11 medallas de ouro, oito de prata e outras oito de bronce, a Universidade de Vigo alzábase como clara gañadora da competición por equipos con 207 puntos, con tan só 12 de vantaxe sobre o segundo clasificado, a Universidade de A Coruña. A Universidade de Santiago de Compostela quedaba terceira con 92 puntos despois de chegar a Ourense con dez baixas de última hora e un equipo moi reducido.

 

Arrasaron en 200 m libres masculinos

Os nadadores e nadadoras dos equipos A e B da Universidade de Vigo deixaron o pavillón ben alto durante a competición, acadando moi bos resultados en case todas as modalidades, aínda que a proba estrela foron os 200 m libres masculinos, na que Cristian Fernández, Ecequiel Quiroga e Iago Lorenzo fixeron pleno no podio. Unha vez máis, os nomes destacados da xornada foron o de Marc Ciurana, Laura Pimentel e Xenia Vilariño, que remataron a xornada con dúas medallas colgadas do colo, dous ouros no caso do nadador e ouro e prata e ouro e bronce no das rapazas, respectivamente.

Aínda que a Universidade de Vigo estivo presente en case todos os podios dende o inicio da competición, houbo que esperar á sétima proba para comezar a gañar ouros. Ao final foron once metais en 50 braza masculino (José Ramón Rey), 50 libre masculino e feminino (Miguel Ángel Garrido e Estíbaliz Bugallo), 200 m libre masculino (Cristian Fernández), 100 braza masculino (Marc Ciurana), 100 libre masculino e feminino (Iago Lorenzo e Laura Pimentel), 100 estilos masculino e feminino (Marc Ciurana e Xenia Vilariño), 4x50 libres masculino e 4x50 estilos masculino.

Pola súa banda, a Universidade de A Coruña rematou o campionato con cinco ouros, oito pratas e sete bronces, con María Gallardo e Virginia Naya como mellores competidoras. Os coruñeses coparon as probas de 4x50 libres e estilos femininos, onde non tiveron contrincante. Mentres, a Universidade de Santiago conseguiu arrancar en Ourense tres medallas de ouro, dúas pratas e dous bronces nun campionato no que Andrés Costa obtivo os mellores resultados de todo o equipo.

 

Segunda edición no campus de Ourense

É a segunda ocasión na que as instalacións deportivas do campus de Ourense acollen o Campionato Galego Universitario de Natación, unha competición na que participan equipos das tres universidades galegas e que se celebra de xeito rotatorio nos sete campus da comunidade. Este foi, ademais, o primeiro dos sete campionatos universitarios que se celebrarán en Galicia ao longo do curso 2014/2015 e que continuarán co de deportes colectivos os vindeiros 11 e 12 de marzo en Ferrol; co de tenis de mesa e xadrez o 17 e 24 de marzo, respectivamente, en Vigo; o de judo, karate e taekwondo o 15 de marzo en Santiago; o de orientación o 11 de abril de novo no campus compostelá e o de tenis o 15 de abril no de Lugo.