22:04 h. Miércoles, 22 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Turismo de Galicia e a Secretaría Xeral para o Deporte presentan a Liga Galega de Monotipos J70 - J80

A directora de Turismo de Galicia destaca que con iniciativas como a Liga Galega de Monotipos estase a impulsar a oferta relacionada co turismo náutico e fomentando a recepción de visitantes e a comercialización de experiencias turísticas complementarias, favorecendo así o aumento da estadía e o gasto dos viaxeiros

Stadio Sport  |  09 de Septiembre de 2015 (00:00 h.)
Más acciones:

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, presentaron este martes a Liga de monotipos J70/J80 Xunta de Galicia, acompañados do presidente da Federación Galega de Vela e dos máximos responsables dos Náuticos de Vigo, Sanxenxo e Portosín, xunto a outros representantes da vela de Galicia.

A directora de Turismo de Galicia destacou como a Liga Galega de Monotipos virá a impulsar a oferta relacionada co turismo náutico, fomentando a recepción de visitantes e a comercialización de experiencias turísticas complementarias favorecendo desta forma o aumento da estanza e o gasto dos viaxeiros.

Nava Castro sinalou que a Liga Galega de Monotipos é unha das iniciativas enmarcadas no acordo de colaboración entre Turismo de Galicia e a Secretaría Xeral para o Deporte para a promoción e desenvolvemento do deporte de vela na comunidade. “Estamos a traballar conxuntamente para avanzar na potenciación das actividades relacionadas co mar e consolidar Galicia como destino do turismo náutico”, explicou.

Así mesmo, Nava Castro destacou que, tal e como reflicte o plan integral, Turismo de Galicia considera como unha das fortalezas da Comunidade os eventos deportivos dado o seu alto potencial para xerar fluxos turísticos e para articular novos produtos específicos. Neste sentido, resaltou algunha das numerosas accións postas en marcha dende o departamento que dirixe no ámbito do turismo náutico como a dotación de información turística nas estacións náuticas ou a disposición de accesos directos desde os clubs náuticos ás plataformas de venda en liña de experiencias turísticas próximas, entre outras.

“Continuaremos traballando para ofrecer iniciativas para que os amantes do mar e os deportes náuticos encontren un motivo especial para gozar do litoral galego”, concluíu Nava Castro.

 

Importancia estratéxica do deporte da vela

Pola súa parte, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, quixo remarcar como esta Liga se enmarca no entendemento da importancia estratéxica do deporte da vela no ámbito deportivo da Comunidade Autónoma: “Galicia ten 14 medallas olímpicas e, delas, 6 son ouros, dos que 4 se deben á vela. Galicia, ademais, organiza competicións náuticas do máis alto nivel e, finalmente, conta con primeiras figuras, e indiscutibles promesas, na máis alta competición nacional e internacional”, temos pois as mellores das condicións neste deporte.

Lete Lasa remarcou que a aposta polos J70 e J80 é, sen dúbida, un instrumento perfecto para facer crecer o deporte da vela, para súa “democratización”, expansión e xeneralización” e permitirá, engadiu o secretario xeral, “un tránsito natural para os que finalizan a vela lixeira, posibilitando tamén achegar este deporte a un público moito máis xenérico”.

A Liga presentada hoxe desenvolverase en tres regatas: o 12-13 setembro organizada polo RCN de Sanxenxo, o 14-15 novembro organizada polo RCN de Portosín e o 12-13 de decembro organizada polo RCN de Vigo. Así mesmo, contémplase a realización de outras actuacións de promoción como son a presenza de Galicia no Campionato Europeo J70 en Mónaco o próximo mes de outubro, o a presentación da candidatura galega como sede para o Campionato de Europa 2017, todas elas actuacións, en palabras do secretario xeral para o Deporte, destinadas a que o noso litoral sexa un auténtico campo de competición.