00:01 h. martes, 19 de marzo de 2024

Un punto para o CP Cerceda, que ben puideron ser tres ante o SHUM Balder Técnica

Stadio Sport  |  08 de diciembre de 2015 (18:56 h.)

Non tivo sorte o equipo de Juan Copa cos finais de partido nas súas dúas visitas a Cataluña das xornadas 10 e 11 pois este luns, cando xa todo parecía favorable para que o HockeyGlobal CP Cerceda lograse a súa terceira vitoria da tempada, volvía encaixar un gol no derradeiro minuto que deixaba o definitivo 5-5 ante o SHUM Balder Técnica

 

Con todo, o equipo loitou e remontou un marcador adverso ata en dúas ocasións, nun partido trepidante onde ambos os conxuntos levaron a iniciativa en diversas fases do mesmo, pero que tivo aos galegos por diante durante os últimos minutos ata que chegaba o quinto tanto dos de Jordi Rodríguez.

A primeira parte xa nos deixaba unha mostra do que ía ser o encontro, con alternativas constantes por parte de ambos os equipos. Juan Copa repetía o seu cinco inicial do pasado sábado, sendo Pablo Togores mediado o primeiro período quen colocaba o primeiro tanto, aínda que dous minutos antes Diogo Neves erraba un penalti. Os locais remontaban e con dous goles de Diogo Neves e Ferran García chegaban o descanso con vantaxe.

A segunda resultou trepidante e así outro tanto de Pablo Togores empataba de novo o partido, pero Diogo Neves volvía colocar aos seus por diante. Jacobo Mantiñán e Pablo Togores, co seu terceiro gol da noite, situaban de novo aos galegos con vantaxe a falta de 12 minutos, pero unha vez máis Ignasi López conseguía empatar.

Restaban aínda 8 minutos, sendo Joan Grasas o autor dun novo gol que parecía definitivo e que os galegos aguantaron moi ben ata que, con menos dun minuto por xogarse, Lluís Ferrer igualaba de novo o partido, que terminaba co definitivo 5-5. O HG CP Cerceda suma un punto, pero o balance puido ser moito mellor se se tivera un pouco máis de fortuna.

O próximo partido será o domingo 20 de decembro (12:30 horas) no Pazo de Deportes Presidente González Laxe de Cerceda ante o CP Voltregà.

 

FICHA TÉCNICA:

SHUM Balder Técnica (5): Marcel Luzon, Diogo Neves, Sergi Parra, Adrià Martos, Lluís Ferrer -cinco inicial-, David Gelmà, Ferran García e Ignasi López.

HockeyGlobal CP Cerceda (5): Martín Rodríguez, Joan Grasas, Martín Payero, Pablo Togores, Jacobo Mantiñán -cinco inicial-, Pablo Fernández e Adrián Candamio.

Goles: 0-1 (min. 6), Pablo Togores. 1-1 (min. 12), Diogo Neves. 2-1 (min. 15), Ferran García. 2-2 (min. 28), Pablo Togores. 3-2 (min. 30), Diogo Neves. 3-3 (min. 34), Jacobo Mantiñán. 3-4 (min. 38), Pablo Togores. 4-4 (min. 42), Ignasi López. 4-5 (min. 43), Joan Grasas. 5-5 (min. 50), Lluís Ferrer.

Árbitros: Germán Sandoval Santos e Sergi Mayor Oliván.

Pavelló Municipal. Maçanet da Selva (Xirona).

Hemeroteca