09:58 h. Martes, 11 de Diciembre de 2018

Stadio Sport

Importante e traballado empate do CP Cerceda en Vilafranca

Os de Juan Copa souberon repoñerse tras ir case sempre por detrás no marcador (5-5)

Stadio Sport  |  29 de Marzo de 2015 (17:59 h.)
Más acciones:

 

Tivo o HockeyGlobal CP Cerceda o seu partido da 26ª xornada da OK Liga contra o CP Vilafranca Capital de Vi costa arriba en varias ocasións, pero en todas sóubose repoñer tras ir case sempre co marcador en contra, ademais de contar coa baixa a última hora de Pablo Togores por un proceso febril, o que sumado á mingua física do encontro do pasado martes podía actuar en contra dos de Juan Copa, que finalmente sacaron a súa característica casta para rabuñar un punto moi importante que lles deixa coa clasificación para a CERSpracticamente ao seu alcance.

Non iniciaba demasiado ben o partido o HockeyGlobal CP Cerceda con dous goles case consecutivos nos primeiros minutos. Primeiro eraRoger Rocasalbas o que marcaba de penalti e un minuto máis tarde Xavi Caldú situaba o segundo no marcador. Pero os de Juan Copacomezaban a entrar en xogo pouco a pouco, chegando á portaría de Gerard Camps xa con certa facilidade.

A primeira ocasión clara era un penalti que lanzaba Joan Grasas e detiña Camps, aínda que no rexeitamento que se ía por detrás da portaría, era de novo Grasas o que o aproveitaba para coar a bóla polo lado contrario. Estaban a xogar ben os galegos, pero un fantástico lanzamento ao bordo da área de Rocasalbas sorprendía a Willy Domínguez. Na seguinte xogada era Martín Payero quen volvía reducir a diferenza, deixando o 3-2 ao descanso que ben puido ser un empate tras un tiro ao poste de Pablo Fernández "Peli".

No segundo período os dous equipos buscaban o gol, quizais con máis entusiasmo os locais cuxa recompensa chegaba no seis da reanudación, obra de Marc Navarro. O partido estaba moi aberto e así un rápido ataque ben levado polo HG CP Cerceda remataba cun gol de Juan Fariza, pero un minuto despois tras un penalti de Willy Domínguez sobre Joan Vázquez, era de novo Roger Rocasalbas o que transformaba a pena máxima, situado outra vez dous tantos de vantaxe para os locais.

Estaba claro que o encontro se ía decidir nos pequenos detalles ou que polo menos había que intentar minimizar no posible os erros. MartínPayero volvía reducir a desvantaxe dos galegos grazas a un novo penalti que convertía en gol, situando así o 5-4 con algo máis de 10 minutos por diante. Non se caía o HG CP Cerceda a pesar de estar durante todo o partido tendo que remontar constantemente e así, a falta de oito minutos para a conclusión, poñería Pablo Fernández "Peli" o 5-5 definitivo, o mesmo resultado da primeira volta no González Laxe. Cos dous equipos con nove faltas durante os cinco minutos finais e ao bordo da directa, xa non houbo máis ocasións a bóla parada, aínda que o CP Vilafranca Capital del Vi si tivo algunha que puido desequilibrar a balanza, pero que Willy Domínguez se encargou de atallar.

Agora a OK Liga descansará durante Semana Santa, manténdose o HG CP Cerceda na sexta praza que dá opción a repetir na CERS a próxima tempada, antes de afrontar o próximo partido da xornada 27 ante o Reus Deportiu, xa o 12 de abril no Pazo de Deportes Presidente González Laxe.

 

FICHA TÉCNICA:

CP Vilafranca Capital del Vi (5): Gerard Camps, Marc Navarro, Jordi Galán, Xavi Caldú, Roger Rocasalbas -cinco inicial- Rubén Fernández, Jordi Esteva e Joan Vázquez.

HockeyGlobal CP Cerceda (5): Willy Domínguez, Joan Grasas, Juan Fariza, Martín Payero, Jacobo Mantiñán -cinco inicial-, Gonzalo Pérez e Pablo Fernández “Peli”.

Goles: 1-0 (min. 3), Roger Rocasalbas de penalti. 2-0 (min. 4), Xavi Caldú. 2-1 (min. 9), Joan Grasas. 3-1 (min. 18), Roger Rocasalbas. 3-2 (min. 18), Martín Payero. 4-2 (min. 31), Marc Navarro. 4-3 (min. 34), Juan Fariza. 5-3 (min. 35), Roger Rocasalbas de penalti. 5-4 (min. 39), Martín Payero de penalti. 5-5 (min. 42), Pablo Fernández “Peli”.

Árbitros: Óscar Valverde Munuera e Iván González González.

Pista: Pavelló Municipal.