00:07 h. martes, 19 de marzo de 2024

Brillante vitoria do CP Cerceda ante o Monbus Igualada HC

Stadio Sport  |  09 de marzo de 2015 (00:09 h.)
68.2014-2015.Jornada23.HGCPCerceda-vs-IgualadaHC2

Segue o HockeyGlobal CP Cerceda coa súa impecable traxectoria na OK Liga tras derrotar no ao Monbus Igualada HC, un dos históricos da competición, por 5-1

 

Nada facía presaxiar tras ver os primeiros minutos de partido que este se ía resolver de forma tan favorable para os de Juan Copa, que facía unha variación no cinco inicial con respecto ao visto nos encontros anteriores, ao dar entrada a Pablo Togores por Juan Fariza. Ata mediado o primeiro período os de Cesc Monclús levaron en case todo momento a iniciativa, con presión en medio campo que facía moi complicado que o HG CP Cerceda puidese chegar con claridade á portaría de Elagi Deitg.

Pero superado ese período sen concretar oportunidades claras para marcar e tras unha azul por protestar a Jassel Oller, era Martín Payeroo que anotaba o primeiro gol tras un potente lanzamento a media altura que sorprendía a Deitg, cando os visitantes estaban a punto de recuperar o seu xogador excluído. Case a continuación, outro disparo dende media pista de Pablo Fernández "Peli" era oportunamente desviado por Gonzalo Pérez dentro da área, fiel ao seu estilo habitual, o que deixaba o marcador ao descanso cun tranquilizador 2-0 de cara ao segundo período.

 

 

Na reanudación o panorama cambiou substancialmente, sendo o Monbus Igualada HC quen se vía superado constantemente polos locais, que de novo marcaban dous goles practicamente consecutivos, se ben antes Gonzalo Pérez enviaba unha bóla ao poste. O primeiro, unha xenialidade de Jacobo Mantiñán dentro da área e o seguinte de Gonzalo Pérez, aproveitando un rexeitamento xusto diante de Elagi Deitg. Aínda restaban 17 minutos pero o partido parecía sentenciado, ao que se sumaba o que os de Igualada non aproveitaran dous penaltis. ADani López paráballo Willy Domínguez no 39 e tres despois era Sergi Pla o que erraba dúas veces consecutivas, tras mandar repetir os árbitros o lanzamento, que volvía deter Willy.

O HG CP Cerceda continuaba atacando co fin de marcar o maior número de goles que permita ter un coeficiente positivo a final de tempada. Pablo Togores estrelaba unha bóla no poste e coa décima falta do Monbus Igualada HC era Martín Payero o que transformaba a directa a cinco minutos para a conclusión. No 48 de xogo si que conseguía materializar Ton Baliu un novo penalti e a 10 segundos para o final era Joan Grasas o que desaproveitaba outro penalti, deixando así o marcador co 5-1 que permite manter aos de Cerceda a quinta praza a falta dos partidos que se disputarán o martes.

 

FICHA TÉCNICA

HockeyGlobal CP Cerceda (5): Willy Domínguez, Joan Grasas, Martín Payero, Pablo Togores, Jacobo Mantiñán -cinco inicial-, Juan Fariza, Gonzalo Pérez e Pablo Fernández “Peli”.

Monbus Igualada HC (1): Elagi Deitg, Mel Molas, Ton Baliu, Sergi Pla, Dani López -cinco inicial- Joan Muntané e Jassel Oller.

Goles: 1-0 (min. 16), Martín Payero. 2-0 (min. 18), Gonzalo Pérez. 3-0 (min. 28), Jacobo Mantiñán. 4-0 (min. 33), Gonzalo Pérez. 5-0 (min. 45), Martín Payero de falta directa. 5-1 (min. 48), Ton Baliu de penalti.

Árbitros: Alberto Garrote Arcelus e Jonathan Sánchez García. Tarxeta azul a Jassel Oller.

Pavillón: Pazo de Deportes Presidente González Laxe. Cerceda (A Coruña).

Hemeroteca