10:53 h. Martes, 23 de Abril de 2019

Pedro Puy afirma que as eleccións de Cataluña deixan unha comunidade fracturada

“Non é un día para que ninguén estea satisfeito e despois das eleccións xerais vai haber que traballar moito todo o mundo para intentar reconducir a situación”, apuntou

Stadio Sport  |  29 de Septiembre de 2015 (00:38 h.)
Más acciones:

 

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou este luns que os resultados das eleccións de Cataluña constatan “un certo fracaso da política, e nomeadamente da clase política catalá, na medida en que unha comunidade autónoma que en moitos momentos foi exemplo de autogoberno se atopa na peor das condicións e absolutamente fracturada”. “Hoxe non é un día para que ninguén estea satisfeito e despois das eleccións xerais vai haber que traballar moito todo o mundo para intentar reconducir a situación”, apuntou.

Pedro Puy compareceu ante os medios para dar conta da reunión celebrada esta mañá polos deputados do Grupo Popular, na que procederon a prepara a sesión plenaria que se celebra mañá e o mércores. En concreto, Puy salientou o debate de tres textos lexislativos: unha iniciativa popular en relación ao coñecemento e contemplación da obra de Castelao, unha proposición de lei sobre a transferencia da titularidade da AP-9 á Xunta de Galicia e un proxecto de lei para a devolución da paga extra que se lle retivo aos funcionarios  en decembro de 2012.

 

MÁIS BOCARTE E SANEAMENTO RÍA DE FERROL

Así mesmo, o Grupo Popular defenderá na sesión plenaria dúas proposicións non de lei. Unha primeira, para que a Xunta asuma como propia a proposta aprobada pola Comisión sectorial de cerco do Consello Galego de Pesca en relación coas posibilidades de pesca de bocarte na zona CEIM IXa (de Fisterra ao golfo de Cádiz).

En segundo lugar, o Grupo Popular demandará que o Concello de Ferrol cumpra coas súas obrigas respecto á xestión, explotación, mantemento e conservación da EDAR de Ferrol, garantindo en todo momento o saneamento e depuración das augas residuais deste concello e a súa comarca. Ademais, solicita á Xunta que preste colaboración técnica e asesoramento ao  Concello ferrolán para completar o proceso de conexión de todos os interceptores á rede de saneamento, de acordo co plan deseñado e co calendario previsto que se prolonga ata finais do presente ano para a incorporación paulatina dos máis de 113.000 habitantes da comarca ferrolá.

Cuestionado polos xornalistas sobre as eleccións autonómicas celebradas onte en Cataluña, Pedro Puy restou relevancia “cara que lado caeu o resultado electoral” e puxo énfase “no fracaso da clase política pola polarización e fractura da sociedade catalá, responsabilidade en boa medida de quen emprenderon o camiño da confrontación”.

 

CONSTITUCIÓN DE GOBERNOS

O portavoz popular recolleu as palabras do candidato do PP nas que recoñecía que os resultados non eran os mellores nin os esperados e puxo de manifestou que obtiveron mellores resultados aqueles que concorreron cun emblema no que estaban recollidas a bandeira española, a catalá e a europea que aqueles que quixeron utilizar exclusivamente o emblema español.

“Hoxe non é un día para que ninguén estea satisfeito, porque o resultado demostra un grande fracaso de toda a política e a fragmentación dos resultados van abocar a moitas dificultades para a constitución de gobernos”, sinalou.

Pedro Puy incidiu no feito de que “a sociedade catalá está fracturada e a principal responsabilidade para reconstruír a situación recae nos actores políticos de Cataluña”. Neste sentido, criticou que, “en vez de priorizar a xestión sanitaria, o financiamento ou a loita contra a corrupción, emprenderon unha vía política que provocou unha división na sociedade catalá sabendo que utilizan argumentos que están fóra do aceptable ou razoable”.

 

COÑECER O PACTO DA CENSURA EN LUGO

Por outra banda, sobre a moción de censura na  Deputación de Lugo, o portavoz popular criticou que “non se ten coñecido o contido do pacto entre PSOE e BNG, que debería ser transparente”.

Así, demandou coñecer “que mudou respecto da elección da actual Presidenta da Deputación, porque o acordo non está explicado e nos leva a pensar que realmente non hai unha xustificación no feito ata agora polo Goberno reprobado”.