02:02 h. Sábado, 25 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

A ministra de Fomento coñece 'in situ' o potencial investigador da Universidade nos ámbitos da industria, a enerxía e as TIC

Inex e AtlantTic amosan a Pastor as súas capacidades en relación cos trens e liñas de alta velocidade. A visita da titular de Fomento pechouse cun percorrido por Citexvi

Duvi - Vigo  |  05 de Noviembre de 2015 (16:09 h.)
Más acciones:

 

Primeira visita da ministra Ana Pastor á Universidade de Vigo, na que a titular de Fomento mantivo un encontro de traballo co reitor Salustiano Mato e cunha representación do seu equipo de goberno, e na que tamén participaron o comisionado do Vigo Tecnolóxico, José Antonio Vilán e o representante do Centro Singular de Investigación, AtlantTIC, Carlos Mosquera. Tras asinar no Libro de Honra da Universidade, Pastor, que estivo acompañada na visita ao campus de Vigo polo director de Renfe, Pablo Vázquez, puido coñecer as capacidades da Agrupación Estratéxica Industria e Enerxía, Inex, e do Centro Singular de Investigación AtlantTIC en relación cos trens e as liñas de alta velocidade. José Antonio Vilán, comisionado do Vigo Tecnolóxico foi o encargado de presentar á ministra de Fomento as potencialidades da Agrupación Estratéxica Industria Enerxía, que reúne a case unha trintena de grupos de investigación, con máis de 200 investigadores e investigadoras, na súa maior parte enxeñeiros industriais, con liñas de traballo que se enmarcan en case todos os ámbitos da industria e a enerxía.

Pola súa banda, Carlos Mosquera trasladoulle a Ana Pastor as fortalezas do centro AtlantTIC, onde se dan cita 11 grupos de investigación, con 142 investigadores e investigadoras enxeñeiros de telecomunicación, que desenvolven as súas liñas de traballo nas tecnoloxías da información e das comunicacións.

 

Visita a Citexvi

Finalizadas as exposicións, que se desenvolveron no despacho do reitor, a ministra de Fomento, acompañada do presidente de Renfe, desprazouse ao Parque Científico e Tecnolóxico da Universidade de Vigo, Citexvi, onde visitaron as instalacións do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, a empresa Itmatia e o Centro Tecnológico de Eficiencia y Sostenibilidad Energética, EnergyLab. Luis Pérez e Fernando Jiménez, director xeral e xerente, respectivamente, de Gradiant, achegaron a Ana Pastor os detalles do centro que conta con máis de 80 empregados e empregadas e que acadou en 2013 unha facturación de 13 millóns de euros.

Fernando Vázquez e Luis Díaz, director xeral de Imatia e presidente do patronato de EnergyLab, respectivamente, foron os encargados de trasladar á ministra de Fomento as potencialidades da empresa especializada no desenvolvemento de software para empresas e administracións e do centro tecnolóxico dedicado a desenvolver e difundir tecnoloxías e hábitos de consumo que optimicen a eficiencia e sostenibilidade enerxética.