01:59 h. Sábado, 25 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Feminicidio: visualizar, denunicar, erradicar, lema da campaña do BNG contra o terrorismo machista

O BNG denuncia que a loita contra o terrorismo machista está nun momento de involución na defensa dos dereitos das mulleres. “Vivimos meses terroríficos co asasinato en Galiza de cinco mulleres e dúas nenas”, salientou a portavoz parlamentaria de Igualdade, Carme Adán, ao que se suman outras formas de violencia de xénero como a sucesión de denuncias por acoso sexual contra responsables políticos

Stadio Sport  |  05 de Noviembre de 2015 (16:07 h.)
Más acciones:

 

“Fáltase impunemente aos dereitos das mulleres”, alertou a deputada, quen considera inadmisible “a continuidade de cargos públicos denunciados por acoso sexual. Hai que ser exemplares e non se pode ocupar un cargo público cunha denuncia por acoso sexual”, como ás que afectan ao presidente da Deputación de Ourense e ao alcalde de Catoira. “Son supostos cualificados como violencia machista no artigo 3 da lei galega”, afondou Adán.

A deputada considera un “insulto ás mulleres” a reacción de Feijóo ante a denuncia contra Xosé Manuel Baltar. “Tiven que ler varias veces as declaracións. Como pode o presidente da Xunta cuestionar a denuncia de acoso dunha muller alegando que non conseguiu o posto de traballo?”, interpelaba a deputada, quen pediu a Feijóo que pare a campaña de apoio nas redes a favor do seu compañeiro de partido.

Neste contexto, o Bloque presentou a súa campaña con motivo do 25N, Día internacional para a erradicación da violencia das mulleres, que leva por lema Feminicidio: visibilizar, denunciar e erradicar, coa que se pretende visualizar a violencia machista, denunciar a insuficiencia de medios en particular nos xulgados especializados, e incrementar a conciencia cidadán contra esta lacra social.

Ademais da campaña, o Bloque formula propostas concretas que defenderá na Cámara buscando o apoio das outras forzas políticas.

En primeiro lugar, propón incluír o termo “feminicidio” en toda a lexislación contra a violencia de xénero, é dicir, “o asasinato de mulleres por ser mulleres”, sen distingos entre o ámbito (doméstico ou público) no que se exerza esa violencia, ou a persoa (parella, ex parella ou calquera outra) que exerza esa violencia. Demanda dos partidos que inclúan esta cuestión nos seus programas electorais de cara ao 20D.

En segundo lugar, o Bloque aposta por poder actuar en defensa dunha muller agredida poñendo todos os medios a súa disposición para protexela e axudala sen necesidade de que haxa denuncia previa da vítima, considerando suficiente un informe dos servizos sociais.

Como terceira medida concreta, a formación nacionalista propón aprobar un estatuto específico para as vítimas de feminicidio elaborado coa colaboración de mulleres expertas en todos os ámbitos da loita contra a violencia machista, que sexa referendado polo Parlamento.

“A erradicación do terrorismo machista debe ser unha prioridade política”, subliñou a secretaria de Acción Feminista, Noa Presas, durante a presentación dunha campaña na que terán un papel moi activo os concellos do BNG coa presentación de mocións por parte de todos os goberno locais nacionalistas. Tanto Presas como Adán fixeron un recoñecemento expreso do movemento feminista galego, do seu traballo de denuncia e de loita contra calquera forma de violencia contra as mulleres.