01:58 h. Sábado, 25 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

A economía galega medrou un 1,8% interanual no segundo trimestre

Segundo os datos recollidos no último informe do Foro Económico de Galicia. A entidade presentou un novo indicador que anticipa a previsión de crecemento

Duvi | Ourense  |  02 de Octubre de 2015 (00:13 h.)
Más acciones:

 

A economía galega experimentou no segundo trimestre de 2015 un bo comportamento, medrando un 1,8% en relación ao ano mesmo período do ano anterior. Deste xeito, encadéanse seis trimestres consecutivos con taxas de crecemento interanuais positivas. Este mesmo dinamismo reflíctese en termos intertrimestrais, ao medrar a actividade económica galega un 0,6%. Estes e outros datos veñen de ser presentados este xoves no terceiro informe de conxuntura do ano 2015 realizado polo Foro Económico de Galicia.

Este informe ten como obxectivo subministrar aos axentes sociais, económicos e políticos a información básica e estratéxica que permita definir a situación actual da economía de Galicia, facilitando a avaliación continua das magnitudes máis salientables e a identificación dos avances e retrocesos na súa dinámica macroeconómica. O documento presentado este xoves en Santiago de Compostela está coordinado polo economista Fernando González Laxe e realizado por un equipo integrado por José Francisco Armesto, Patricio Sánchez e Santiago Lago. 

 

Crecemento máis feble que no conxunto de España

Segundo recolle a publicación, o incremento da actividade produtiva en termos anuais prodúcese de xeito máis equilibrado que no trimestre anterior, sendo a achega da demanda interna ao crecemento agregado do PIB de 2,3 puntos porcentuais, mentres o sector exterior detrae cinco décimas. No caso do crecemento intertrimestral o informe destaca tanto a achega positiva da demanda externa como da demanda interna. Esta tendencia positiva, indican os autores do informe, é compatible cun dinamismo económico máis feble que no conxunto de España segundo os datos do INE, mantendo o diferencial coa taxa de crecemento española por riba dun punto porcentual ao longo dos últimos cinco trimestres. Esta menor puxanza queda reflectida tamén cos datos da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal, que sitúa a Galicia como a quinta autonomía con menor crecemento, tras Murcia, Castela A Mancha, Navarra e Asturias. 

O investimento, recolle o documento, segue a ser o compoñente da demanda interna que presenta un mellor comportamento (+7,2%), sendo a evolución do gasto en consumo final quen ten a menor achega da demanda interna. Deste xeito, o gasto público contráese un 0,9%, fronte á medra do 1% en España, e o gasto dos fogares e das institucións privadas sen fins lucrativos aumenta un 1,4% en Galicia, a metade que no conxunto do Estado. Doutra banda, a demanda externa detrae ao crecemento agregado do PIB 0,4 puntos por mor do maior crecemento das importacións (4,9%) que das exportacións (4%).
Dende o punto de vista da oferta, todos os sectores produtivos rexistran no primeiro trimestre do ano taxas de variacións positivas, salientando o documento a industria manufactureira cunha medra interanual do 4,3%. O resto dos sectores presenta un crecemento inferior á media estatal, destacando o bo comportamento da construción, que mantén unha taxa de variación interanual positiva superior ao 4%, e o sector servizos, que presenta un crecemento do 1,6%, similar ao rexistrada nos dous trimestres anteriores.

 

Mercado de traballo e I+D+i

O dinamismo da economía galega, recolle o informe, reflíctese na evolución do mercado de traballo galego. Entre os datos dispoñibles, o Foro Económico resalta o importante descenso do paro de longa duración, especialmente significativo no caso das persoas que levan máis de dous anos en situación de desemprego. A pesar do dinamismo económico experimentado ao longo do último ano e medio, continúa a caída da poboación activa, que no segundo trimestre de 2015 foi de -1,1%. Doutra banda, Galicia non só presenta unha medra da súa poboación ocupada inferior á media estatal, senón que se sitúa como a novena autonomía coa taxa de crecemento máis elevada.

Da evolución do PIB e do emprego, o informe desprende que a produtividade aparente do factor traballo medrou no segundo trimestre do ano ata os 14.185, o que representa o 88,2% da media estatal. A industria manufactureira é o sector de actividade que presenta a menor peso relativo con tan só o 77,9% (12.782 euros por posto de traballo equivalente), situándose tan só o sector primario cunha produtividade superior á media española. Os distintos indicadores dispoñibles da investigación e innovación en Galicia, apuntan os economistas, dan conta dunha debilidade no que se refire á súa relevancia económica e aos seus recursos humanos. As comparacións estatais da I+D galega sitúana en porcentaxes por baixo do 5%, o cal vén a contrastar coa súa relevancia tanto demográfica como económica. Porén, subliñan os autores do informe, esta situación non é só unha cuestión de recursos, senón tamén de estratexia e neste senso, a chave atópase na relación do sistema de I+D+i co tecido produtivo.

 

Novo indicador

Nesta edición do informe o Foro Económico presenta un novo indicado, o Indicador Foro de Conxuntura Económica de Galicia. Trátase dunha ferramenta estatística que a partir dunha ampla serie de indicadores de periodicidade mensual permite adiantar a evolución do trimestre en curso, antes da aparición da Contabilidade Trimestral. Os datos de avance para o terceiro trimestre mostran que a actividade económica seguiu acelerándose en termos interanuais, pero menos en termos intertrimestrais. Os datos apuntan segundo o documento cara un crecemento do PIB interanual por riba do 2%, mais unha medra intertrimestral lixeiramente superior á acadada no segundo trimestre.