07:55 h. Sábado, 24 de Junio de 2017

Stadio Sport

A Consellería de Cultura e Educación leva ao Parlamento de Galicia o documento pactado do Plan de dinamización da lingua galega

‘Desenvolve as directrices emanadas do Plan xeral de normalización da lingua galega e articula un total de 84 medidas que incidirán no incremento do uso do galego e na súa visibilidade desde as 10 áreas que contempla o sector’, explicou Valentín García durante a súa comparecencia

Stadio Sport  |  29 de Diciembre de 2015 (15:16 h.)
Más acciones:

 

Tal e como anunciou o pasado mes de abril que faría no derradeiro trimestre do ano, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria levou este martes ao Parlamento de Galicia o documento consensuado do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2020. De acordo co calendario de traballo previsto, o documento atópase arestora na fase inmediatamente previa para a súa aprobación polo Consello da Xunta, órgano encargado de sancionalo, unha vez que o Consello da Cultura Galega –entidade á que xa foi enviado para o seu estudo e análise– emita o correspondente informe de validación.

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, asegurou que o documento “desenvolve as directrices emanadas do Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade neste Parlamento no ano 2004, e articula un total de 84 medidas que incidirán no incremento do uso do galego e na súa visibilidade desde as 10 áreas que contempla o sector”. Tras indicar que “o texto marca un período de desenvolvemento de cinco anos, un período que debemos considerar realista desde o punto de vista da súa materialización”, García Gómez instou durante a súa intervención a “unha aposta conxunta e decidida pola implantación do idioma na economía, como valor económico, como sinal identitario e como patrimonio de todos os galegos e galegas”.

O secretario xeral compareceu por petición expresa para informar detalladamente acerca do seu contido, acordado e completado coas achegas cos axentes implicados no sector económico, no marco de numerosos encontros e reunións de traballo celebrados nos últimos meses, tras a presentación na Cámara galega do borrador inicial. “Constitúe un amplo abano de medidas e accións realizables e susceptibles de seren asumidas polos actores cos que debemos contar para a súa posta en marcha e consolidación no tempo”, concluíu.

 

Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2020

O que será o primeiro plan de dinamización lingüística no sector económico fundaméntase nas directrices establecidas polo Plan xeral de normalización da lingua galega (2004), que para o sector cuarto (Economía) establece como obxectivos específicos crear conciencia de que o uso do galego pode favorecer as relacións laborais, comerciais e bancarias; estender o uso da lingua galega nas relacións laborais, comerciais e empresariais; e fomentar nos consumidores o hábito de usaren e reclamaren a atención comercial en galego.

O texto presentado hoxe no Parlamento articúlase en 84 medidas –tanto específicas dun campo económico en particular como de carácter transversal- coas que incidir na promoción social da lingua desde a economía por medio das 10 áreas nas que se estrutura esta: hostalería, comercio, alimentación, TIC, construción e inmobles, banca, asesoramento e intermediación, axencias de publicidade, área de traballo e cooperativismo.

O obxectivo común a todas elas pasa por reforzar e aumentar a presenza do galego no sector da economía, non só para ampliar os lazos comerciais das empresas galegas, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade tendo en conta o importante papel que xogan as empresas á hora de crearen comportamentos.

 

Galego na RSE, na etiquetaxe, nas TIC ou nas normas ISO

De entre as accións que prevé a súa posta en marcha, cómpre destacar aquelas centradas na promoción do galego no ámbito da responsabilidade social empresarial (RSE), a formación lingüística de profesionais, a creación dun punto de información en materia de lingua destinado ás empresas, o impulso á etiquetaxe en galego e ás campañas publicitarias de promoción do consumo deste tipo de produtos apoiándose especialmente en campañas de promoción con especial atención ao galego nas TIC e os medios dixitais ou a posibilidade de obteren as empresas a certificación das normas ISO na lingua propia de Galicia.

Canto ao cronograma de implantación, contémplase un desenvolvemento paulatino en cinco anos, período no que se implementará progresivamente nas diferentes áreas, focalizando e concentrando a execución prevista nos diferentes ámbitos, por xunto ou por separado, en colaboración cos axentes implicados, con maior actividade durante 2016 e 2017. O documento presentado establece un orzamento total de 6 339 699 euros no seu desenvolvemento.

 

Aplicación do Plan xeral de normalización da lingua galega

O Goberno galego estableceu como un dos obxectivos en materia de promoción do uso social da lingua galega da presente lexislatura a elaboración e posta en marcha do primeiro Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2020, un novo documento de referencia para avanzar na promoción do uso do idioma propio de Galicia desde o sector económico que, seguindo as directrices do Plan xeral de normalización da lingua galega, quere reforzar e consolidar o galego como valor engadido do ámbito empresarial, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.

O espírito do novo plan responde á idea de que a lingua galega, ademais de ser un valor como denominación de orixe e de implicar un extra de confianza, calidade e proximidade nos/as consumidores/as, fai posible a vía da comunicación internacional en mercados emerxentes do mundo lusófono, como o brasileiro ou o angolano, o que pode reportar tamén beneficios económicos. Nesta liña, a Administración autonómica puxo en marcha nos últimos anos campañas como “Exportar en galego”, con importantes resultados empresariais no marco da lusofonía –que computa a día de hoxe máis de 250 millóns de falantes- e dalgunhas das economías máis emerxentes do mundo.