20:26 h. Viernes, 24 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

O Presidente da FGF, Rafael Louzán, crea unha comisión de Terceira División

A Comisión vai estar formada por catro clubs representantes das catro provincias e ten como obxectivo tratar coa Directiva da FGF os asuntos que afectan á categoría. Louzán informou das novidades en Mutualidade e quixo coñecer a opinión dos clubs con respecto á Copa RFEF ou á Selección Galega de Afeccionados

Stadio Sport  |  10 de Octubre de 2015 (00:00 h.)
Más acciones:

 

O Presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, mantivo unha nova reunión cos representantes dos clubs de Terceira División. Asistiron 16 dos 20 clubs a un encontro no que Rafael Louzán deu conta de distintos aspectos nos que está a traballar a Xunta Directiva e tamén trasladou aos clubs algúns asuntos que lles afectan co fin de atopar solucións. 

Louzán estivo acompañado, na reunión celebrada na sede da Delegación de Santiago, polos Vicepresidentes Gustavo Falqué, Javier García e José Manuel Fernández Cid, polo tesoureiro Luis Serantes, o Secretario Xeral, Diego Batalla, e o asesor económico, Manuel Soage.  

A principal novidade foi a creación dunha Comisión de Terceira, a instancias do propio Presidente, co obxectivo de tratar e solucionar nesta comisión todos aqueles asuntos de interese para a categoría, aínda que iso non impedirá novas convocatorias globais con todos os clubs. 

Louzán quería que esta comisión representase a todos os clubs e por iso se decidiu por formala con catro clubs, un de cada provincia, cos que manterá reunións periódicas para así axilizar o tratamento e solución dos diversos temas. 

 

Mutualidade

O primeiro tema tratado na reunión foi o da Mutualidade, pois é o que agora mesmo máis preocupa aos clubs e deportistas. Asunto que,

ademais, está xa resolto e a Xunta Directiva xa está elaborando un plan de visitas próximas por distintas comarcas para informar aos equipos de todos os detalles. O Presidente mostrou o mapa actualizado de hospitais e clínicas da Mutualidade, que esta tempada se vai a xestionar de forma directa ante a ausencia de ofertas por parte de compañías aseguradoras.  Destaca a presencia de Hospitais nas 7 Delegacións, aos que gracias a unha xestión do Presidente coa Consellería de Sanidade, se van a unir centros hospitalarios do Sergas en catro comarcas moi distantes xeograficamente das principais cidades, como son A Mariña Lucense, A Costa da Morte, o Barco de Valdeorras e Verín.  Ademais Louzán presentou todas as clínicas, de consulta e rehabilitación, que se poñen ao servicio dos mutualistas en case todas as comarcas galegas. En total case 40 clínicas que se suman aos 7 hospitais concertados e aos 4 do Sergas que presentan unha cobertura sanitaria sen precedentes no fútbol galego. 

Louzán estivo acompañado pola Secretaria Xeral da Mutualidade, Carmen María Ferro, que solicitou a colaboración dos clubs para o bo uso e funcionamento da asistencia sanitaria. Un bo uso que permitirá a reducción do tempo de baixa dos xogadores lesionados como consecuencia dun mellor servicio sanitario. Neste sentido resulta básico que, na medida do posible, os deportistas lesionados soliciten consulta co especialista e non acudan directamente a Urxencias si non é un caso de lesión grave. 

 

Seguro de Responsabilidade Civil

Nun novo exemplo de transparencia, a FGF ven de publicar na web e tamén en prensa a oferta para a contratación do seguro de responsabilidade civil, tanto para clubs como para os árbitros, así como un seguro de accidentes. Deste asunto tamén informou o Presidente aos clubs de Terceira, remarcando a importancia do mesmo. 

 

Copa RFEF

O Presidente da FGF quixo coñecer a opinión dos clubs sobre o formato da Copa RFEF, unha competición que está tendo escaso éxito e menos convocatoria, pois esta tempada foron só sete os clubs inscritos. Todos coinciden na necesidade de modificar o formato, trasladándoo quizais ao mes de agosto e conseguindo que sexa máis atractivo e menos costoso para os equipos. 

Por certo que a final deste ano a van a disputar o día 14 deste mes o Cerceda e o Rápido de Bouzas nun campo aínda por determinar. 

 

Selección Galega de Afeccionados

Outro asunto sobre o cal o Presidente e a Xunta Directiva querían coñecer a opinión dos clubs de Terceira é a Selección Galega de Afeccionados, composta por xogadores desta categoría. O seleccionador coñecerase en breve, pero o máis importante é conseguir motivar aos futbolistas para formar parte da Selección, pois o que quedou claro nesta reunión é que os dirixentes se senten molestos polo feito de que sexa habitual a renuncia de bastantes xogadores convocados. 

  

Retransmisión de partidos da 3ª pola CRTVG

Louzán informou tamén da gran oportunidade que se presenta para a Terceira Galega, pois está enriba da mesa a posibilidade de que a Televisión de Galicia retransmita un partido semanal da categoría pola súa segunda canle, a G2. Un partido que será o domingo ás 12:00 horas, o cal obriga a unha readaptación de horarios daqueles partidos que se elixan para a retransmisión. 

O convenio afecta tamén á cobertura que da categoría fai a Radio Galega a través do seu programa "Galicia en Goles". Unha cobertura que vai a ser de moito maior calado, cun partido destacado cada xornada, pero para o cal tamén é necesario axustar horarios para que o partido elixido non coincida co Celta, Depor, Lugo e cos equipos galegos de 2ªB.  Louzán destaca a gran oportunidade que representa ter uns medios de comunicación públicos que están dispostos a dar unha gran cobertura á Terceira División. 

O Presidente aproveitou tamén para comunicarlle persoalmente paos  presentes dúas novas xa coñecidas: o nomeamento dos dous novos  Delegados en Ourense e Santiago, Raúl Rois e Manuel Castiñeiras, e tamén  do novo Presidente do Comité de Adestradores, Manu Fernández, e da Xunta Directiva.