O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu reflexión e participación o 20 de decembro nas urnas para que España teña o Goberno que precisa e o presidente ao que máis lle importa Galicia.
Así se expresaba o líder dos populares galegos no mitin de peche de campaña celebrado na cidade de Ourense, e onde estivo acompañado polo presidente local, Jesús Vázquez; polo presidente provincial, Manuel Baltar; pola candidata número un ao Senado por Ourense, Miri Barreira; e polo cabeza de lista ao Congreso, Miguel Ángel Viso.
Na súa intervención, Feijóo pediu aos alí presentes que non voten pensando que a crise xa rematou e non fai falla tanta responsabilidade; nin pensando que este país pode permitirse frivolidades outra vez; nin que a estabilidade é algo accesorio; nin pensando que dá igual un partido ou outro ou un goberno sólido que varios partidos.
Segundo sinalou, cómpre votar pensando en que o país necesita seguir crecendo; en que precisa seguir creando emprego; en que necesita seguridade para as pensións e viabilidade para todo o que é importante. En resumo, apelou a votar pensando en que necesitamos que a recuperación continúe ata chegar a todos e que fai falla firmeza constitucional.
APOSTAR POLO CANDIDATO QUE MÁIS RESPECTA GALICIA
O presidente do PPdeG fixo fincapé en que Galicia é un pobo moderado, educado e tolerante, que traballa con humildade, pero tamén é un pobo esixente que quere un goberno que xestione con responsabilidade.
Como destacou, aos galegos impórtalles España, porque se senten parte dela, e impórtalles Galicia. Por iso, convidou aos alí presentes a apostar polo candidato que máis respecta o seu modo de ver e sentir e que demostra que, ademais de España, o que máis lle importa é Galicia, e ese candidato, como reiterou, é Mariano Rajoy.
CADA VOTO É NECESARIO
Feijóo apelou á necesidade de ir a votar o domingo posto que cada voto ao PP é necesario e suma a un goberno máis sólido que dea estabilidade; a un proxecto de país para seguir crecendo e creando emprego; e a que non decida polos galegos quen non pensa nin sente como eles nin respecta o que pensan.
Do mesmo xeito, subliñou que cada voto ao PP suma á unidade de todos os españois; a que Galicia sexa importante para o Goberno de España e para que a xuventude teña un futuro mellor
Neste senso, lembrou que o voto ao PP hai catro anos serviu para que este país evitara o rescate co que as pensións serían un 20% máis baixas agora; para que volvera a crecer e a crear emprego; para que se defendera a Constitución que pactamos entre todos; e para que en Galicia se investise máis que nunca antes
Polo tanto, o voto ao PP o domingo servirá para que os próximos catro anos todo o que nos importa estea seguro e teñamos máis oportunidades.