00:07 h. martes, 19 de marzo de 2024

Veni, Vidi... e casi Vici

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  23 de diciembre de 2015 (18:16 h.)

Cunha vida de apenas dous anos e algún que outro tropezo, Podemos conseguíu o que os chamados partidos de sempre, non deron acadado esta precampaña: aunar a ilusión nun mesmo bloque e entenderse entre distintas forzas co fin común de derrubar ó bipartidismo e o intercambio no poder das mesmas siglas ano tras ano

 

A fórmula de Julio César de cheguei, vin e vencín, atribúese actualmente a feitos que acadan moito éxito nun breve espazo de tempo, e non pode ser máis axeitada para a xornada de reflexión post-elecións na que queda un panorama coma pouco moi heteroxéneo e dispar, pero cun claro auxe de Podemos coma tal ou coma marca nas alianzas que o levaron a ser primeira forza en Cataluña e País Vasco e segunda noutras como Galiza, relegando ao PSOE a terceira forza. Algo que por estes pagos non se lembraba e que deixa un aberto esceario de cara as nosas vindeiras elecións autonómicas, que serán a cita máis inmediata de novo coas urnas.

Cunha vida de apenas dous anos e algún que outro tropezo, Podemos conseguíu o que os chamados partidos de sempre, non deron acadado esta precampaña: aunar a ilusión nun mesmo bloque e entenderse entre distintas forzas co fin común de derrubar ó bipartidismo e o intercambio no poder das mesmas siglas ano tras ano. A estratexia non se antolla errada, pois foron os máis votados en dúas Comunidades Autónomas e segundos noutras cinco. Que en comunidades como Galiza ou Valencia, pasto eterno de maiorías absolutas do PP sexan segundos é só un puntal máis do que Podemos vén de rachar. O gran inimigo da formación, ese medo da xente á ditadura, ao comunismo e a queima de igrexas que tanto venderon os medios da caverna e a chamada prensa moderada, -que non é outra cousa que a que ten amo a quen render contas-, acabou por non ser máis que un revulsivo nunha parte do electorado canso de que o tomen por parvo e sen medo a máis nada que a repetir os mesmos erros elixindo aos de sempre. 

Mentres Rajoy tenta mirar o que lle vén enriba cos seus lentes novos, Feijóo xa se anda laiando de que os seus malos resultados débense a que os galegos somos algo choscos e aínda non damos visto a milagrosa recuperación económica que xestionou o PP coa inestimable axuda da virxe do Rocío e de Santa Teresa de Xesús. Quizais a perda de cinco escanos sexa porque elas non figuraban nas papeletas, pero quen sabe nas vindeiras. Se o ministro do Interior español deu conseguido un anxo que lle aparca o coche, a ver porque non vai conseguir dúas parlamentarias de madeira que veñan en axuda de Feijóo. Mentres, outros coma Beiras aínda refregan as mans polo acerto de ter apostado ao cabalo gañador nos últimos estertores da súa vida política. Non se libra dos reproches de que o consideren un sucedáneo do nacionalismo, ou un vello tolo capaz de renunciar aos seus principios con tal de medrar políticamente ou de matar ideoloxías para servir a intereses españois. Fora coma fose, saíulle ben. Máis reforzado ca nunca, olla cara a súa antiga casa, o BNG, seguramente coa preocupación dun pai que ve ao seu fillo, xa maior e independente pero que non por iso deixa de doer, descarrilar costa abaixo e sen freos. 

Porque en clave galega o BNG vén de esnaquizar calquer atisbo de esperanza nunha recuperación que nin está, nin se lle agarda. Sen representación algunha en Madrid despois de apostar por non integrar a gran coalición de Podemos e as Mareas, queda reducido a non se sabe moi ben qué, e sen tempo para lamber nas feridas, terá que plantexarse xa como rexurdir das cinzas para encarar as Autonómicas, só ou en compañía doutros esta vez. Porque se hai algo peor que loitar contra os aliados, xa dicía Churchill...é pelexar sen eles. E se hai unha lectura que poidamos facer con contundencia nestas elecións, é que para chegar, ver e vencer...tes que unirte. E entón terás forza.  

Hemeroteca