00:00 h. martes, 19 de marzo de 2024

Venezuela go home

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  09 de diciembre de 2015 (18:50 h.)

Por fin a humanidade respira tranquila. E temos que agradecerllo ao feroz ditador venezolano Nicolás Maduro, que nun novo alarde do seu despotismo convocou elecións e perdeunas, deixando á oposición cunha maioría moi cómoda no Parlamento, a falta de que chegue a hora das presidenciais

 

Contra todo pronóstico, a ditadura gubernamental acatou o resultado das urnas e chamou á calma, nada que ver coa última vez, cando foi él o gañador electoral e os agora demócratas vencedores agasallárono con denuncias de fraude pese aos numerosos observadores internacionais que vixiaron o desenrolo das votacións e nada raro atoparon. Asemade, as revoltas callexeiras e os intentos de desacreditar ao presidente -como antes ao seu predecesor, Hugo Chávez- non só foron algo habitual, senón tamén propiciado por gobernos e grupos mediáticos estranxeiros, escandalizados de que o petróleo servise para mellorar a vida dos venezolanos en vez de para un grupiño de especuladores, como se facía nos gobernos anteriores. Todo sexa pola loita contra o populismo de alfabetizar á poboación, de proporcionarlle educación gratuita desde a gardería á universidade ou acceso á atención sanitaria coma nunca se vira, luxos que para nada precisa Venezuela porque nin que fosen norteamericanos ou europeos. ¡Ata onde imos chegar!.

Outro dos reproches cara Maduro -e antes a Chávez- é a represión aos medios de comunicación non afíns e aos chamados presos políticos, básicamente os acusados de atentar contra o poder establecido porque a eles non lles vai ben e fáiselles moita espera agardar á nova convocatoria de elecións. Por se alí non tivesen bastante, países como España que saben moito de ter presos políticos coma Otegi, de encarcelar directores de xornais coma o de Egin ou de deter a independentistas galegos coma os de Causa Galiza por non se sabe moi ben qué pero que algo farían, préstanlle toda a axuda posible nesa noble batalla de derrocar a quen non pode ser presidente porque xa está ben de contrariar a Obama e non deixar que sexa el o que marque o camiño a seguir polo populacho periférico. A deus grazas, os venezolanos abriron os ollos e agora por fin gañou unha oposición que leva anos matándose entre sí nun claro exemplo de principios democráticos, que noutro lugar que non fose en Venezuela chamaríanse intereses particulares e avaricia propia. Pero iso xa se Maduro acaba algún día de asesor nalgún consello administrativo desas grandes empresas ás que se benefician cando se goberna como fan grandes estadistas coma Felipe González ou José María Aznar, aínda que no seu caso só é pola súa valía persoal e non teñen nada que ver as prebendas concedidas durante os seus mandatos. 

Comprobouse que en Venezuela gañaran os bos no debate do luns cos candidatos españois. Só o infeliz de Pedro Sánchez foi quen de mentar a Venezuela para increpar a Pablo Iglesias. E todos sabemos que Pedro Sánchez foi o gran perdedor dese debate e que moitos espectadores miraban algo avergoñados para outro lado cada vez que el falaba. Todos somos susceptíbeis de sentir piedade nalgún momento, incluso cando vimos ao mesmo Pedro Sánchez gabándose da vitoria da dereita venezolana ou laiándose da vitoria da esquerda en Grecia. Da esquerda de Tsipras, porque a dos socialistas de alí vai por diante da española e xa desapareceu de todo. Aquí andan niso.

Agora, só falta dar corda ó reloxo e deixar que soe o tic tac para contar os días que lle restan a Nicolás Maduro como presidente do seu país, porque á vista dos feitos até o de agora, leva camiño de ser un ditador de pacotilla que non morrerá na cama perpetuándose no poder. Isto con Franco non pasaba.

Hemeroteca