06:31 h. Martes, 21 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Iniciativa Pola (des)Ilusión

Os mesmos políticos relegados a un consentido segundo plano no 25 de xullo, son agora protagonistas estelares dunhas negociacións a prol da unidade popular que semellan interminables, ata tal punto que de novo os intelectuais andan a situarse na cabeceira da mobilización para que non acabe todo en auga que leva a corrente

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  23 de Octubre de 2015 (14:23 h.)
Más acciones:

 

Cúmprense tres meses -e a dous das elecións xerais de decembro- do último e atípico Día da Patria, aquel sen siglas e sen partidos políticos, paradóxicamente, no día máis político para o nacionalismo galego. A consigna era unha quimérica mensaxe de unión pola soberanía de Galiza, representada por un logo de deseño e por unha pancarta repleta de intelectuais galegos, en ningún momento misturados cos dirixentes políticos coma se éstes devaluasen a autenticidade do que se quería transmitir. É de enterder que para pregáranse a tales concesións, houbo que tirar de humildade e xenerosidade para facer bo aquelo de que a fin xustifica os medios.

Podería terse considerado unha estratexia oportuna se tivese dado os esperados froitos. Pero hoxe, tres meses despois, non se ve madurar froito ningún e máis ben parece que tocará roer. Eses mesmos políticos relegados a un consentido segundo plano no 25 de xullo, son agora protagonistas estelares dunhas negociacións a prol da unidade popular que semellan interminables, ata tal punto que de novo os intelectuais andan a situarse na cabeceira da mobilización para que non acabe todo en auga que leva a corrente. Que xa nos coñecemos. Manuel Rivas, Rosa Aneiros ou Agustín Fernández Paz (entre outros/as), xa adican máis tempo a argallar e firmar manifestos que a publicar as súas propias obras. Ser intelectual galego non deixa de ser un traballo esforzado máis alá das súas competencias creativas, por teren que andar a facerlle o camiño aos políticos sinalándolles o sentir da cidadanía que eles parecen empeñados en non ver. Ou sí, pero igual atópaos mirando cara outro lado. É coma se o de ser só político non inspirase moita confianza en ninguén, nin sequera entre eles mesmos e de aí os desvelos dos nosos eruditos, que poñen en xogo o seu prestixio ao servizo de que a representación teatral do pasado xullo non quede sen segundo acto. E non será por falta de actores, porque nunca no noso país tiñamos visto tanta marea, tanta plataforma e tanto comunicado para concluir coma naqueles partidos de tenis que retransmitía Andrés Gimeno e nos que repetía incansablemente que era difícil, muy difícil, aínda que só se estivera a un punto da victoria final, pero que nunca acababa de chegar.

E así estamos nós, nun interminable partido onde o primeiro en saltar á cancha foi Beiras, líder da formación Anova que vén de anunciar un pacto preliminar con formacións españolistas coas que xa aunaron forzas nas municipais e que tan bos resultados lles deron. Asi que igual sería temeridade non aproveitar o tirón de cara ás xerais e ver que pasa. Beiras lembra a eses alcaldes ou concelleiros de obras que marcaron unha época, a do ti vai facendo. Quizais non era estrictamente legal, pero malo será que non tivese arranxo despois. Agora chámaselle pragmatismo. E mentres, no BNG seguen a desfollar a margarida sobre a conveniencia ou non de deixarse engaiolar polos cantos de serea da Unidade Popular renunciando a súa única e intransferible esencia, esa mesma que leva anos afundíndoos na nada absoluta, pero na que non sale Pablo Iglesias retratado. O dilema non é baladí: a esperanza de acadar grupo propio galego no Congreso español parece algo factible, pero co custe de que terá que ser en compañía doutros. Con quen non se sabe, pero para quen deu lido entre liñas nos resultados das municipais houbo unha mensaxe moi evidente: a unión fai a forza. A que precisamos para dotarnos de máis autogoberno, máis autonomía e máis poder para acadar a soberanía e o recoñecemento cultural que os galegos merecemos. 

Como momentáneo consolo, a capacidade de non perder a ilusión dun vello e infatigable soñador en O coronel non ten quen lle escriba, do irrepetible Gabriel García Márquez. 

-A ilusión non se come, dixo ela.

-Non se come, pero alimenta, replicou o coronel.

Ide facendo....