19:35 h. Miércoles, 23 de octubre de 2019

O secretario xeral para o Deporte participou na presentación da fase de ascenso á División de Honor Prata Masculina de Balonmán

Do 2 ao 4 de maio o club local medirase aos outros tres equipos do seu grupo: o Dominicos de Zaragoza, o Viveros Herol Balonmano Nava de Segovia, e o Safa Metlife de Madrid

Stadio Sport  |  22 de abril de 2014 (00:00 h.)
Más acciones:

 

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na presentación da fase de ascenso á División de Honor Prata Masculina de Balonmán da tempada 2013/14 que se celebrará no Rosal do 2 ao 4 de maio. Lete Lasa deu o parabén aos directivos do Mecalia Atlético Novás, o club anfitrión do Grupo 2 desta proba, así como aos representantes do Concello do Rosal e á Federación Galega de Balonmán por terse clasificado para disputar a fase de ascenso, e converter O Rosal durante uns días no centro de interese do balonmán nacional, xunto con Cidade Real (sede do Grupo 1) e Covadonga (Grupo 3).

Segundo o titular de Deporte da Xunta, a celebración en Galicia da fase de ascenso á segunda liga en importancia dentro do balonmán español é unha mostra máis da boa evolución deste deporte na nosa Comunidade, que conta cunhas 5.000 licenzas -das cales o 33 por cento corresponden ao balonmán feminino- e 60 clubs. Na presente tempada oito clubs de alta competición son beneficiarios dos patrocinios da Xunta fronte aos catro da convocatoria anterior e, como en anos anteriores, o balonmán segue a ser a cuarta modalidade máis subvencionada polo Goberno galego a través dos seus clubs, logo do fútbol, o baloncesto e o fútbol sala.

Lete Lasa sinalou que este tipo de citas permiten mostrar “que o noso deporte está en boa forma, tanto a nivel organizativo como competitivo, á vez que as nosas vilas benefícianse polos positivos efectos económicos que supón a chegada de deportistas e afeccionados doutros puntos de España”.

“Que mellor proxección exterior para Galicia que a que acadamos a través dos eventos deportivos”, engadiu, posto que atraen numerosos visitantes que viven experiencias persoais moi positivas,  “o que esperta o seu desexo de volver e repetir destino”.

Na fase de ascenso á División de Honor Prata Masculina de Balonmán participan 12 equipos –catro en cada grupo-, e acada o ascenso o primeiro clasificado de cada grupo.

No Rosal, sede do Grupo 2, o Mecalia Atlético Novás medirase fronte o Dominicos de Zaragoza (venres 2 ás 21:00 horas), o Viveros Herol  Balonmano Nava de Segovia (sábado 3 ás 20:00 horas) e o Safa Metlife de Madrid (domingo 4 ás 12:30 horas).

O outro equipo galego con posibilidades de ascenso, o Calvo Xiria de Carballo, xogará no Grupo 1 en Ciudad Real nas mesmas datas, competindo co Alarcos, o BM La Roca e o Somos Eibar.

No Grupo 3, con sede en Covadonga, participan o RGC Covadonga, o Cajasur Córdoba, o Sant Martí-Adrianenc e o Elda CEE.

 Actualmente, Galicia conta con tres equipos nesta categoría: o Octavio Vigo, o Teucro e o Balonmán Chapela.