01:44 h. Sábado, 25 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

O secretario xeral para o Deporte felicita ao Club Ciclista Rías Baixas pola súa traxectoria ascendente e por estrearse na organización do Campionato Galicia Élite e Sub 23

Os sete equipos participantes no campionato son: Club Ciclista Vigués-Autronic, Club Ciclista Cambre-Caeiro, Club Ciclista Rías Baixas, Club Ciclista Padronés, Racing Cycling de Redondela, Grupo Deportivo Supermercados Froiz e Club Ciclista Spol, de Porriño

Stadio Sport  |  16 de Mayo de 2014 (00:00 h.)
Más acciones:

 

O secretario xeral para o Deporte participou onte na presentación da proba que terá lugar este sábado 17 de maio en Baiona, Nigrán e Gondomar.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, felicitou onte ao Club Ciclista Rías Baixas pola súa traxectoria ascendente e por estrearse na organización do Campionato Galicia Élite e Sub23.

Durante o acto de presentación, en Vigo, deste campionato que terá lugar este sábado 17 de maio, nos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar; Lete Lasa felicitou ao presidente do club, José Luis Chamorro, e a todos os membros da entidade, por ter a honra de asumir a responsabilidade deste importante evento, logo do brillante debut do seu equipo élite e sub 23 na pasada tempada, na que, entre outros logros, conquistou a segunda posición da Volta a Galicia na xeral por equipos, e que no calendario da actual tempada está competindo tamén ao máximo nivel.

“Agora o Club Ciclista Rías Baixas estréase nunha nova experiencia que lle consolida como referente no ciclismo galego”, engadiu o secretario xeral para o Deporte, que considerou este encargo da federación galega como unha proba de confianza “xustamente merecida e á que estou seguro que está a responder amplamente, a través dun intenso traballo organizativo e de coordinación de todos os axentes e aspectos, tanto técnico-deportivos coma de seguridade, involucrados na organización dunha proba deste calibre”.

Así mesmo, agradeceu a contribución dos numerosos patrocinadores, “por investir en deporte, é dicir, en valores como o esforzo, o sacrificio e o tesón, dos que tanto saben os practicantes do ciclismo, e investir á vez en saúde e calidade de vida, obxectivos todos eles para os que sempre atoparán o apoio e o recoñecemento do goberno galego”.

A carreira, que suma un total de 145 quilómetros, sairá do pavillón municipal de deportes de Baiona ás 15:00 horas e terá o seu punto de chegada na rúa Elduayen da mesma localidade, logo de percorrer un circuíto de catro voltas que transcorre por: Ramallosa, Nigrán, Pegonegro, Vincios, Couos, Gondomar e de novo Ramallosa, ao que se engade un paso por liña de meta e un tramo final de ruta ata o cabo e o alto Silleiro, para regresar de novo á localidade de saída.

Os sete equipos participantes son: Club Ciclista Vigués-Autronic, Club Ciclista Cambre-Caeiro, Club Ciclista Rías Baixas, Club Ciclista Padronés, Racing Cycling de Redondela, Grupo Deportivo Supermercados Froiz e Club Ciclista Spol, de Porriño.