00:02 h. viernes, 26 de abril de 2024

Máis de 200 aspirantes superan as probas de acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Pontevedra

Eduardo Muñiz | Pontevedra  |  18 de junio de 2014 (03:00 h.)
ciencias deporte

Participaron 245 persoas chegadas de toda España e o 83% obtiveron a cualificación de apto. Ao dobrar o número de aprobados ao de prazas, o expediente académico decidirá quen accede ao grao

 

A pesares de que as clases xa remataron, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte foi este martes o escenario dun ir e vir constante de xente ao longo de toda a mañá. Non en van, un total de 245 rapaces e rapazas pasaron nesta xornada polo campus para someterse ás probas físicas de acceso ao grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Fixérono ademais amosando un gran nivel, xa que a porcentaxe de aspirantes que superaron as probas foi do 83,6%, situando o número de aptos e aptas en 205, máis do dobre do total de prazas ofertadas, o que provoca que o seu expediente académico e a selectividade sexan os que determinen se retornarán ao centro en setembro.

“O número de matriculados foi un ano máis bastante elevado e parece que prepararon bastante ben as probas”, salienta o vicedecano Jorge Viaño, coordinador dunhas probas físicas que non tiñan por obxecto avaliar a cada aspirante, senón “comprobar que contan cunhas competencias mínimas que lles permitirán aproveitar as clases e adquirir as competencias da titulación”. Neste senso, Viaño subliou que se trata dunhas “probas accesibles”, como demostra o porcentaxe final de aspirantes declarados aptos.

A este respecto, o vicedecano explicou que este test de acceso á titulación está composto por sete probas físicas das que só unha “é obrigatorio superala”, a de adaptación ao medio acuático, que se desenvolveu á primeira hora da mañá nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. “Fundamentalmente é por unha cuestión de seguridade, porque na carreira van a realizar actividades como piragüismo ou remo, polo que é necesario que saiban manexarse na auga”, apunta Viaño. No caso das seis restantes, das que os aspirantes só podían fallar nunha, o obxectivo era que superasen unha serie de marcas mínimas coas que se trataba de comprobar a forza dos seus membros inferiores e superiores, a súa axilidade, mobilidade articular, habilidade ximnástica e resistencia aeróbica.

 

Os nervios, o verdadeiro inimigo

“Unha persoa que faga deporte de forma habitual non debía de ter problemas para superar as probas”, recoñece Emilio José Boo, un dos primeiros aspirantes en completar con éxito este test de acceso á titulación xunto con Diego Cantero, que tamén recoñece que “as probas non son moi esixentes”. Non obstante, este vigués que hai uns días realizaba a selectividade deixa claro que cal é o verdadeiro problema. “Pasas moitos nervios, a verdade, e iso afecta ao teu rendemento”, recoñece Cantero, que agarda poder retornar en setembro ao campus xa que, como relata, as cousas lles foron bastante ben nos exames de acceso á universidade.

 

245 aspirantes chegados de toda España por vocación

Ademais de candidatos e candidatas procedentes de todos os puntos da xeografía galega, estas probas físicas congregaron na facultade a mozos e mozas chegados de Castilla-León, Asturias, Euskadi, Madrid, La Rioja ou mesmo das Illas Baleares. Co obxectivo de coñecer máis ao detalle o perfil destes participantes, realizouse entre eles unha enquisa que permitiu constatar que ademais de preparados fisicamente, estas 245 persoas chegaron ao campus con moita ilusión. “O 98% sinalaron que esta carreira é a súa primeira opción”, relata Viaño, que incide tamén en que a meirande parte deles sinalaron á súa vocación como o principal motivo desta decisión e ás figuras do profesor de Educación Física e preparador físico como as profesións que lles gustaría poder desempeñar nun futuro.

 

O ‘último repaso’, coa Delegación de Alumnos

Explica Viaño que, xunto ao Centro de Tecnificación Deportiva e á participación de preto de 20 profesores e profesoras do centro, "estas probas foron posibles grazas á colaboración de 15 membros da Delegación do Alumnado e graduados, que exerceron como os orientadores” que guiaban aos diferentes grupos dunha proba a outra. Mais á implicación da delegación con esta actividade non quedou aquí, posto que o luns organizaron unha xornada de adestramento previo ,á que acudiron máis de 60 persoas. “Explicámoslle onde se fan e como son as diferentes probas”, relata Sergio Pérez, un dos integrantes da delegación, que recoñece tamén que os nervios non foron só cousa exclusiva das probas, senón que tamén estiveron presentes no 'repaso' deste luns, “no que se buscaba corrixir os erros que adoitan cometer nalgunhas das probas”.

Hemeroteca