01:49 h. Sábado, 25 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Lete Lasa subliña as oportunidades que abre o novo marco financeiro europeo 2014-2020 para a promoción do deporte e a actividade física na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

O secretario xeral para o Deporte participou na presentación das I Xornadas de Deporte Universitario Galaico-Duriense, celebradas en Ourense

Stadio Sport  |  12 de Junio de 2014 (16:00 h.)
Más acciones:

 

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou hoxe as novas posibilidades de actuación e financiamento que brinda Europa para o fomento do deporte e a vida activa a través do marco financeiro aprobado en decembro de 2013 para os anos 2014 ata o 2020, que vai permitir investir preto de 266 millóns de euros en deporte. Concretamente, apuntou ao programa Erasmus Plus, no que prioritariamente se articula a política europea para o deporte e que afecta ademais a outros campos prioritarios de acción, todos eles intimamente relacionados, que son a educación, a formación e a xuventude.

Lete Lasa realizou estas manifestacións na presentación das I Xornadas de Deporte Universitario Galaico-Duriense baixo o título Estratexias para as relacións comunicativas en Servizos Deportivos, que se están a celebrar onte e hoxe no campus de Ourense da Universidade de Vigo, organizadas polo Grupo Galaico-Duriense de Universidades –integrado polas universidades  da Coruña, Minho, Porto, Santiago de Compostela, Trás-os-Montes e Alto Douro, e Vigo- xunto coa Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal.

Na súa intervención, o titular de Deportes da Xunta animou a toda a comunidade universitaria que integra o Grupo Galaico-Duriense a ir “da man nesta nova senda de actuación europea, como tantas veces temos feito desde a Eurorrexión Galicia e Norte de Portugal”, mediante programas transfronteirizos de cooperación “cos que ofrezamos  solucións para acadar sociedades máis sas a través da actividade física e o deporte”.

Subliñou a importancia de favorecer a adquisición de hábitos de vida activa nas novas xeracións europeas, chamando a atención sobre a potencialidade deste grupo universitario que abrangue unha comunidade de 145.000 persoas, nun momento no que é crítico que asenten, para o resto das súas vidas, os hábitos saudables que cómpre fomentar desde a infancia.

Lete Lasa asegurou que “cada vez se amosa con máis claridade a importancia da actividade física e o deporte para solucionar moitos dos problemas que perturban e impactan nas nosas sociedades actuais, como os que afectan á educación en valores, á  sanidade, á cohesión social ou á necesaria mellora da calidade no envellecemento da sociedade”, engadindo que a comunidade universitaria atópase nunha inmellorable posición “para poñer en marcha e afianzar este camiño cara vidas máis deportivas, en resposta a moitas destas grandes inquedanzas”.

Na presentación das xornadas participaron ademais o vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, Virxilio Rodríguez; o alcalde de Ourense, Agustín Fernández; e o director da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), Rubén Lois.

 

 

O Grupo Galaico-Duriense de Universidades

O Grupo Galaico-Duriense de Universidades e a Fundación CEER levan unha longa traxectoria de traballo conxunto no ámbito do deporte universitario, destacando a organización dos Xogos Galaico Durienses, que no presente ano cumprirán a súa XXVIII edición. Trátase dun evento interuniversitario transfronteirizo que reúne durante dous días a preto de douscentos estudantes que compiten en modalidades mixtas de deportes de equipo, ao tempo que serve como punto de encontro profesional para responsables e técnicos deportivos.

Así mesmo, ambas entidades son as responsables do I e II Trofeo Interuniversitario Eurorrexional celebrados en 2010 e 2012 en augas do río Miño, no concello de Tui.

Nas xornadas organizadas este días en Ourense baixo a coordinación do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo estanse a tratar cuestións relativas á difusión e comunicación do deporte, como o emprego das redes sociais, a xestión de marca e as estratexias de promoción da actividade física e de estilos de vida saudables, incluíndo unha sesión específica sobre o Plan Galicia Saudable, como estratexia global transferible e aplicable en todos os grupos de poboación da Eurorrexión.