18:03 h. Domingo, 19 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Desafío Solidario o sábado no Porriño en memoria de Sofía

A organización ten agora un novo desafío: Encher o pavillón

Stadio Sport  |  20 de Junio de 2014 (00:00 h.)
Más acciones:

 

O próximo sábado 21, o Polideportivo Municipal de Porriño acollerá unha cita co balonmán e a solidariedade. Unha iniciativa na que se unen o amor duns pais pola súa filla, e o dun grupo de amigos apoiando nos peores momentos.  

Os ex-xogadores de balonmán Óscar Perales e Andrea Arias perderon no pasado mes de decembro a súa filla Sofía, de oito meses, por unha leucemia e, coa colaboración da familia do balonmán, impulsaron unha preciosa iniciativa para recordar a Sofía e colaborar coa Fundación Aladina e cos nenos da Planta de Oncoloxía do Hospital Niño Jesús de Madrid, onde estivo Sofía ingresada. 

Hoxe tivo lugar no Porriño o acto de presentación do “Desafío Solidario de Balonmán” e ao mesmo asistiron Nelson Santos, alcalde do Concello do Porriño; Alejandro Lorenzo, concelleiro de Deportes do Concello do Porriño; Xosé Luis Pérez Ouro, presidente da Federación Galega de Balonmán; Noemí Gilsanz, xogadora de balonmán e unha das organizadoras do evento; Óscar Perales, pai de Sofía e Begoña Fernández, unha das xogadoras que participará na xornada. 

“A causa é o máis importante desta xornada e dende que coñecemos a iniciativa, por parte do Concello quixemos darvos todo o noso apoio, mostrándonos abertos a todo tipo de colaboración ao respecto," sinalaba o alcalde Santos que, á vez que felicitaba os promotores do evento recordaba a cooperación da Administración local con causas coma estas. Deste xeito, alcalde e concelleiro lanzaron un chamamento a todos os cidadáns a acudir o sábado ao polideportivo e "achegar cada cal o seu granito de area". 

Pola súa banda,  o presidente da FGB aplaudiu tamén a iniciativa que pon de manifesto a solidariedade da familia do balonmán, sinalando que o escenario escollido para celebrar o evento é “o lugar xusto”, indicando que “Porriño é o berce do balonmán galego feminino, sendo ademais un municipio promotor do deporte en xeral”.  

Desta forma, o día 21 de xuño (a partir das 17:00 horas, o primeiro partido ás 18:00) celebrarase o “Desafío Solidario de balonmán”, no que se disputarán dous partidos (masculino e feminino) que enfrontarán ás seleccións galegas contra uns combinado de grandes xogadores ou xogadoras chegados de diversos puntos da xeografía nacional. O prezo do donativo que da dereito a entrada son 5 euros. 

Sobre o parqué de Porriño estarán xogadores de renome. Viran Morros, Eduardo Gurbindo, Begoña Fernández (unha das impulsoras deste proxecto), Marta Mangué ou Eli Pinedo son algúns dos deportistas que non dubidaron un momento para envorcarse co desafío e volveron poñer de manifesto a solidariedade da familia do balonmán. 

O donativo establecido para gozar desta xornada é de 5 €, aínda que a organización tamén conta con donativos “fila 0” o mesmo prezo. Ou no número de conta da Fundación Aladina ES50 0049 1838 1122 1037 4758 para que todos os afeccionados poidan realizar as súas achegas aínda que non poidan desprazarse ata o pavillón. No encontro tamén haberá unha tómbola e rifas a 1 euro, que permitirán a  todos os asistentes entrar no sorteo de numerosos agasallos doados polos xogadores e tamén polas empresas colaboradoras. 

A historia de Sofía.  Andrea e Óscar, os dous xogadores de balonmán, viven en Valladolid. Andrea está retirada hai un tempo e Óscar tivo que abandonar a súa carreira deportiva no mellor momento por culpa dunha  lesión de xeonllo. Pero todo cambiou cando Andrea quedou embarazada e chegou ao mundo Sofía, que encheu de novas ilusións a esta parella. Pero cando só tiña dous meses de vida a Sofía lle diagnostican unha leucemia linfoblástica aguda. 

A familia ten que trasladarse a Madrid e ao Hospital Niño Jesús e Sofia loita con todas as súas forzas por saír adiante. Despois de moito pelexar, chega a noticia máis dura do mundo... Sofia vaise para casa con coidados paliativos e nos deixa con so 8 meses de vida. 

Foi un momento durísimo para os pais e a xente que os rodea. Dor, rabia, impotencia... Así, un grupo de amigas, que compartiron con Andrea anos de balonmán e alegrías, viviron a súa dor e como foron eses meses no hospital, onde as outras familias chegan a ser coma a túa propia familia. Así este grupo de amigas, “As de sempre” como elas se chaman, comezaron a pensar que facer para homenaxear a Sofía e aos seus pais, para axudar a outras persoas nesta mesma situación... Así xurdiu o desafío solidario. E agora teñen outro desafío: Encher o pavillón de Porriño o día 21 de xuño (a partir das 17:00 horas) en recordo de Sofía, que sempre estará viva no recordo de todos.