18:04 h. Domingo, 19 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Bea Gómez e Burela Fútbol Sala, premiados na III Gala do Deporte Feminino Galego

O sábado 28 de xuño celebrarase a gala no Círculo Recreativo Cultural do Porriño

Stadio Sport  |  18 de Junio de 2014 (00:00 h.)
Más acciones:

 

O próximo día 28 de xuño celebrarase a III Gala do Deporte Feminino Galego, na que se premiará á mellor deportista, adestradora, entidades, xuíza ou clubs do ano 2013. Entre os premiados destaca a presenza da nadadora Beatriz Gómez ou do Burela Fútbol Sala. A cita é o 28 de xuño (19:30 horas) no Círculo Recreativo Cultural de Porriño, nun evento que é posible grazas a colaboración do Concello do Porriño. Con este acto, Mudegá busca lograr a visibilidade do deporte feminino, un dos obxectivos principais do noso colectivo: Lograr que os éxitos do deporte feminino sexan recoñecidos pola sociedade e para iso é necesario aparecer nos medios de comunicación. 

O pasado sábado reuniuse o xurado (formado por representantes de federacións deportivas, medios de comunicación, Concello do Porriño e a propia asociación Mudega) para estudar as candidaturas presentadas e decidir os premiados. Entre as candidaturas, había deportistas cun curriculum espectacular, medallistas mundiais,  olímpicas, clubs cunha longa historia, xente nova que comeza con grandes expectativas... 

Así, a nadadora Bea Gómez (membro do equipo nacional absoluto de natación, que participou no Europeo -5ª en 400 metros- e no Mundial- semifinalista-) foi elixida mellor deportista galega, mentres que o mellor equipo é o Burela F.S, que fixo dobrete no 2013 ao gañar Liga e Copa nunha tempada máxica. O xurado valorou o curriculum de Gerardo Méndez (adestrador de balonmán feminino e xornalista que finou no ano 2013) para outorgarlle o premio á mellor traxectoria; mentres que Mónica Flores (xuíza internacional de tríatlon) recibiu o premio á mellor árbitro. Abel Estévez, do Balonmán Porriño e seleccionador galego feminino, foi elixido como mellor adestrador do ano 2013, mentres que Mercé Barrientos, presidenta da Federación Galega de Taekwondo ata hai só uns meses, foi premiada como mellor directiva polo seu traballo a prol da igualdade. 

Na categoría de mellor iniciativa a prol do deporte feminino, o xurado apostou polo Club de Loita San Ignacio, que conta xa cun importante grupo de mulleres no seu club, e moi bos resultados, nun deporte menos atractivo para as mulleres. A empresa Godoy Maceira S.L., patrocinadora do Balonmán Porriño, é a entidade privada máis colaboradora do deporte feminino, mentres que a concellería de Deportes da Coruña foi elixida como a mellor entidade pública, pola súa aposta polo deporte feminino (en concreto, valorouse a creación do Teresa Herrera feminino no ano 2013). 

O premio para o medio de comunicación amigo correspondeulle a Silvia Carregal e o seu blog “Ellas también juegan”, dedicado ao papel das mulleres dentro do ámbito deportivo galego., mentres que a mellor promesa é para a pentatleta Aroa Freije, que no 2013 logrou o bronce no Europeo cadete, ademais do título de campioa de España. Unha das novidades da gala deste ano foi a creación do premio á mellor deportista con discapacidade, que este ano será para Vicky Alonso, xogadora do Anfiv de baloncesto en cadeira de rodas e xogadora da selección española (no 2013 foi a segunda máxima anotadora do Europeo feminino). 

No transcurso da gala, Mudegá tamén agradecerá o esforzo dunha “pioneira” cunha mención especial: Matilde Alonso Filgueira, que adicou toda a súa vida a traballar polo deporte feminino, neste caso polo fútbol. Foi a descubridora de Verónica Boquete.  

 

PREMIOS III GALA DO DEPORTE FEMININO GALEGO

Mellor deportista: Beatriz Gómez

Mellor deportista con discapacidade: Vicky Alonso

Mellor traxectoria: Gerardo Méndez

Medios de comunicación/xornalista: Silvia Carregal/Ellas también juegan

Mellor adestrador/a: Abel Estévez

Mellor árbitra/xuiza: Mónica Flores

Iniciativa a prol do deporte feminino: Club de Loita San Ignacio

Entidade privada amiga: Godoy Maceira S.L.

Entidade pública máis comprometida: Concellería de Deportes da Coruña

Directiva máis comprometida: Mercé Barrientos

Mellor equip:o Burela F.S.

Premio a mellor promesa: Aroa Freije