21:38 h. Jueves, 13 de Diciembre de 2018

Stadio Sport

Galicia logrou catro medallas na Copa de Europa Youth de Cataluña de Pentatlón Moderno

Ouros para Claudia Gámez, Martín Freije e Andrea Vidal e prata para Aroa Freije

Stadio Sport  |  26 de Abril de 2015 (16:37 h.)
Más acciones:

 

Galicia acadou catro medallas (tres ouros e unha prata) na Copa de Europa Youth (categorías cadete e xuvenil) de Cataluña de Pentatlón Moderno, que se disputou na localidade de San Boi de Llobregat. Claudia Gámez (Youth D), Martín Freije e Andrea Vidal  (Youth C) lograron a primeira posición e Aroa Freije (Youth A) foi prata. 

Aroa Freije (Tri-Penta Terras de Lugo) tivo moi preto a medalla de ouro na categoría youth A, pero se lle escapou nos últimos cen metros. Ao final, prata para Aroa, que realizou as probas de natación, esgrima e combinada (tiro e carreira). Aroa, que non estaba en perfectas condicións físicas xa que arrastraba problemas de lumbalxia, foi a mellor na natación aínda que cun tempo moi inferior ao que ela é capaz. Ademais fixo unha moi boa proba de esgrima, que é onde normalmente ten máis problemas, xa que é a nova modalidade que incorporou ao cambiar de categoría. Na esgrima foi a sexta mellor e rematou coa combinada, na que logrou a quinta mellor puntuación de todas as participantes. Así, finalizou a proba con 973 puntos na segunda posición, moi preto da primeira, que foi a británica Georgina Summers (982). Na terceira posición, a francesa Lisa Riff (968). 

Na categoría youth B, Javier Pena (San Ramón de Vilalba) rematou na sexta posición cun total de 750 puntos. Javier estivo discreto na natación (noveno), mentres que na combinada foi o terceiro mellor.

Na categoría youth C Andrea Vidal (Tri-Penta Terras de Lugo) e Martín Freije (Tri-Penta Terras de Lugo) dominaron as súas respectivas probas e lograron as medallas de ouro, tras concluír as probas de natación e combinada. Na categoría masculina, Martín Freije foi o mellor en ambas probas e sumou un total de 851 puntos. Nas chicas, Andrea foi a mellor con moita diferenza na natación e a cuarta na combinada, e así acadou o primeiro posto con 792 puntos. 

E por último, na categoría youth D (equivalente a alevín), a galega Claudia Gámez (Tri-Penta Terras de Lugo) foi a primeira clasificada, mentres que Lucas Pena (San Ramón de Vilalba) foi sexto clasificado cun total de 853 puntos. Claudia foi a máis regular: logrou o mellor tempo na natación e o segundo en combinada, e así sumou un total de 855 puntos. 

Foi a 21ª edición da proba internacional da vila de Sant Boi e na mesma participaron representantes de dez países europeos.