22:10 h. Jueves, 13 de Diciembre de 2018

Stadio Sport

Aroa Freije, decimoquinta nos Xogos Olímpicos da Xuventude en Nanjing

A galega foi a mellor en natación, pero tivo complicado remontar o mal resultado da esgrima. O próximo martes realizará a proba de relevos mixtos

Stadio Sport  |  24 de Agosto de 2014 (00:00 h.)
Más acciones:

 

A pentatleta galega Aroa Freije rematou na décimo quinta posición nos Xogos Olímpicos da Xuventude de Nanjing (China), despois dunha moi boa natación e unhas probas de esgrima e combinada máis frouxas do habitual nela. Pese a todo, a galega asegura que foi unha gran experiencia, con moitas emocións e nervios e unha aprendizaxe máis na súa carreira deportiva.   A especialidade máis complicada para Aroa esta tempada está a ser a esgrima, na que aínda é unha “novata” (comezou a practicala este ano). Así, a nosa deportista sabía que todo ía a depender de cómo se desenvolvera a esgrima, que se celebrou o venres, e non foi un bo día para ela. Logrou 6 vitorias e rematou con 170 puntos, empatada con tres deportistas máis (dende a posición 20 á 24). 

Así enfrontou a natación hoxe coa firme intención de remontar e non puido facelo mellor. Aroa foi a primeira clasificada cun tempo de 2:14:67 e sumou 296 puntos na clasificación e recuperou catro posicións. E chegaba o momento da combinada, que non era moi adecuada para remontar, xa que o percorrido tiña moitas curvas pechadas, que non favorece en nada ás boas corredoras, como Aroa, e por riba botóuselle enriba a noite. Aínda así, a pentatleta galega logrou escalar catro posicións máis (foi a undécima mellor nesta modalidade) e acadou así o décimo quinto posto  nos Xogos (939 puntos).

 

 

Proclamouse campioa olímpica da Xuventude a china Xiuting Zhong, de so 14 anos de idade e xa cunha medalla de prata no Mundial Xuvenil, con 1054 puntos. Medalla de prata para a británica Francesca Summers (1044 puntos) e bronce para á alemá Anna Matthos (1030). Algunhas das favoritas (como a italiana Aurora Tognetti ou a propia Aroa) quedarán descolgadas na esgrima e con poucas opcións de recuperar. 

Desta forma, remata unha tempada impresionante para a deportista lucense, na que logrou o título no Europeo cadete e participou no Europeo e Mundial xuvenil e nos Xogos Olímpicos da Xuventude. Agora so lle queda por diante participar o martes na proba de relevos mixtos en Nanjing, para poder coller unhas máis que merecidas vacacións despois de case dous anos seguidos sen parar. Nesta proba, competirá cun pentatleta home e ambos realizarán un mini-péntatlon.