14:16 h. viernes, 26 de abril de 2024

Abraham Castellanos e Verónica Montes, campións do Duatlón Concello de Noia

Stadio Sport  |  01 de marzo de 2015 (03:04 h.)
IMG-20150228-WA0007

Foi a primeira proba do Circuito Galego de Duatlón de Estrada

 

Abraham Castellanos (Tríatlon Arteixo) e Verónica Montes (Trinity Tríatlon) proclamáronse hoxe vencedores do  IV Duatlón Concello de Noia, no que participaron case douscentos deportistas. Esta proba foi a primeira do Circuíto Galego de Duatlón de Estrada.  

Na categoría feminina, comezou mandado na proba Priscila Suárez (Tríatlon Ferrol), que dominou a primeira carreira a pe, pero na bicicleta foi alcanzada e superada por Verónica Montes. No último segmento, a líder da proba só tivo que administrar a súa vantaxe para chegar con comodidade á meta na primeira posición (1:13:30). O segundo posto foi para Priscila Suárez (1:16:06) e o terceiro para Mar Villar (Trinorth- Nogasa, 1:17:00). 

Na proba masculina, os mexicanos do Tríatlon Arteixo Abraham Castellanos e César Saracho tiveron moito protagonismo, sempre colocados nas primeiras posicións. E foi no sector da bicicleta no que se decidiu o podio. Abraham Castellanos logrou marcharse en solitario, para enfrontar o resto da proba sen rivais. Mentres, por detrás Brais Misa (Atletismo Porriño) tamén logrou facer unha moi boa bicicleta que lle permitiu enfrontar o terceiro segmento na segunda posición. E xa foi quen de manter as distancias ata o final da proba. Desta forma o podio do Duatlon de Noia quedou formado por Abraham Castellanos (primeira posición, 1:00:09), Brais Misa (2º, 1:01:15) e César Saracho (3º, 1:01:21). 

Tamén podemos destacar a participación da paratriatleta Susana Rodríguez, quen deu inicio a súa tempada en Noia. Unha tempada especial para ela xa que está en xogo a clasificación para os Xogos Paralímpicos de Río. 

 

 

O Duatlón de Noia celebrouse sobre a distancia sprint (5 quilómetros a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 de carreira a pe) e descorreu polo Paseo Marítimo de Noia, nunha tarde bastante desapracible pola chuvia.  

O resto dos gañadores doutras categorías son: 

Cadete: Mariña Ramos (GV Sports Club) e Manuel Rey (Tríatlon Compostela).

Júnior: Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse).

Sub 23: César Saracho (Tríatlon Arteixo).

Veterán 1: Verónica Mon (Beariz Tríatlon) e Elpidio Gómez (Beariz Tríatlon).

Veterán 2: Andrés López (Monte Abaixo).

PT6 B1: Susana Rodríguez Gacio (Cidade de Lugo Fluvial).

Clubs: GV Sports Club (feminino) e Tríatlon Arteixo (masculina). 

O Circuito Galego de Duatlón de Estrada 2015 está formado por tres  probas. A primeira é a de Noia; a segunda terá lugar o 7 de marzo en Guitiriz e a terceira é o Duatlón Concello de Lugo (22 de marzo). Todas son clasificatorias para o Campionato Galego (logran praza os 30 primeiros clasificados), que terá lugar en Santiago o 18 de abril.

Hemeroteca