17:56 h. Domingo, 21 de julio de 2019

O NECESARIO COMERCIO DE PROXIMIDADE

A importación do “black friday” é boa excusa para mirarmos cara ao noso comercio de proximidade e decatarnos do dano que sofriu tanto pola Grande Depresión como polas agresivas políticas desenvolvidas polas Administracións

Xoán Antón Pérez Lema  |  30 de noviembre de 2015 (00:00 h.)
Más acciones:

 

Rajoy, coa súa recentralización favorecedora das grandes superficies comerciais, botou por terra as lexislacións autonómicas protectoras (como a Lei de Horarios Comerciais galega aprobada por iniciativa nacionalista no 2006)  tanto nas aperturas como nos horarios. E alcaldes como Francisco Vázquez esmagaron o comercio de proximidade na súa cidade, favorecendo a apertura de tantas superficies comerciais que converteron A Coruña na cidade do Estado con máis m2 por habitante. Velaí o fracaso do Dolce Vita e do Canton Village . E o peche forzoso de tantos comercios tradicionais.

Os países máis desenvolvidos da Europa decatáronse do íntimo vencello entre unha oferta comercial achegada aos centros e barrios e a propia vitalidade e seguranza da cidade. As cidades sen comercio de proximidade, as cidades que teñen que mercar nos macrocentros das aforas, son cidades menos vitais, menos ricas e menos seguras. Que calidade de vida lle ofrecemos aos habitantes maiores dos nosos barrios condenándoos á dependencia de familiares ou ao uso eterno do coche particular para mercar?

Convén sinalar, tamén, que o comercio de proximidade que nos segue a atender fixo un enorme esforzo ao longo destes últimos anos. De certo que xa se decatou vostede que no negocio onde toma o seu café da mañá, tiveron que prescindir de dous camareiros e o xefe e empregados que fican atendendo multiplicaron os seus horarios. Tamén é xusto recoñecer o enorme esforzo de modernización, profesionalización e especialización dos nosos comerciantes de proximidade para mellor atender as nosas necesidades. Mesmo xurdiron en Galicia novos modelos de éxito que axiña abriron varios establecementos nas nosas principais vilas e cidades. Porque comercio de proximidade non é só pequeno comercio. É a oferta que atende no noso barrio a que permite que éste siga a ter vida.

Ten razón Manolo Rivas cando afirma que as cidades morren cando os ricos se pechan en ghettos. Mais tamén comezan morrer cando a súa veciñanza non pode mercar todo o que precisa na súa contorna vital.