22:12 h. Miércoles, 22 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

DE MAREAS E MAIORÍAS SOCIAIS (II)

Xoán Antón Pérez Lema  |  01 de Febrero de 2015 (21:55 h.)
Más acciones:

Escrebíamos hai seis meses que estaban a xurdir na Galicia iniciativas cidadás municipalistas que querían artellar novos xeitos de lle dar canle á necesidade de arrombar os vellos xeitos e actitudes á hora de facermos a `política.

A verdade é que, neste eido, ben se pode dicir que os tempos son chegados, ou están xa a chegar. O 31 de marzo convocaranse as eleccións locais e os procesos que non teñan botado corpo vai ser moi difícil que reaxan nas dez de últimas.

Diciamos en agosto que esta caste de iniciativas querían pobo, querían cidadanía, querían votos. U-la fórmula acaída? Dende logo iniciativa cidadá, cunha boa pinga de independencia e de novos xeitos de facermos a  política. O que non haberia o desprezo de cadansúas identidades orgánicas e de proxecto dos partidos e  demáis axentes sociais que partillaran cadansúa marea ou iniciativa.

Tamén haberían enxergar fórmulas plurais, transversais, inclusivas. Compre, si, inserir na Marea municipal o ecoloxismo, feminismo ou o movemento veciñal operante. Mais, ao mesmo tempo, compre inserir ás clases medias maltratadas pola crise: comerciantes de proximidade, pequenos e medianos empresarios, sectores de tendencia conservadora anoxados coa implacabilidade do PP coa súa propria base social… A Marea quere largura social, quere pluralismo cidadá, quere moita xente e moi distinta.

Velaí a necesidade de construir a oferta programática desta caste de alternativas arredor de dous eixos: de máximos no que atinxe á radicalidade democrática, á transparencia, aos valores cívicos. De mínimos no que atinxe ao común denominador programático: emprego de calidade, Estado do benestar, inclusión e cohesión social. Para pormos un exemplo, a eficiencia enerxética e a loita contra a pobreza enerxética han ser vectores fundamentais desta caste de propostas; o decrecionismo non vai ser un valor común. Compre distinguirmos ben o que une e o que divide.

Esta caste de propostas han ser pensadas para unha cidade e para un país. No caso da Coruña, para pormos un exemplo, a Marea Atlántica ha pensar nun relato propio para a cidade e para a área urbana, inserido nun país chamado Galicia. Aprendamos de todo o mundo, mais nin Galicia é Murcia nin Coruña é Cáceres, Albacete, Madrid nin Barcelona.