12:04 h. martes, 16 de abril de 2024

A Volta Ciclista á Provincia chegará este ano a 21 concellos das comarcas da Coruña, Ferrolterra, Eume e Ortegal

Stadio Sport  |  08 de mayo de 2015 (01:12 h.)

Participarán ata 112 ciclistas de 16 equipos de toda España. Ao acto de presentación acudiron os ciclistas Ezequiel Mosquera e Gustavo César Veloso que se encargaron de explicar o percorrido das tres etapas, “as máis duras dos últimos anos”

 

A Deputación da Coruña organiza a XIV Volta Ciclista á Provincia, que este ano se celebrará os días 15, 16 e 17 de maio con saída dende o concello de Monfero. Precisamente alí foi onde hoxe o presidente provincial presentou a competición, no colexio Virxe da Cela, para animar aos rapaces a que participen nas actividades complementarias que levará esta proba polos concellos.

“Porque cremos firmemente na idea de cambiar de hábitos no ámbito da mobilidade”, declarou Diego Calvo, que confesou que o ciclismo se ten convertido neste anos “nun dos eixos de traballo da Deputación”.

Este ano a Volta chegará a 21 concellos das comarcas da Coruña, Ferrolterra Eume e Ortegal. En concreto, o primeiro día os ciclistas sairán de Monfero e pasarán por Irixoa, Oza-Cesuras, Betanzos, Miño, Pontedeume, Cabanas, Vilarmaior para volver ao municipio de saída. O día 16 a sede será Mañón, en concreto O Barqueiro, para seguir por Ortigueira, As Somozas, As Pontes, Cedeira e rematar de novo no Barqueiro. O último día a saída e final será en Valdoviño, pero o pelotón tamén pasará por San Sadurniño, Neda, Ferrol, Narón, Moeche, Cerdido, Cariño e Cedeira.

Os responsables de explicar o traxecto foron os ciclistas profesionais Ezequiel Mosquera e Gustavo César Veloso que advertiron de que “eran as etapas máis duras dos últimos anos” e despois responderon ás preguntas dos estudantes.

Na presentación tamén estivo a vicepresidenta da Deputación e responsable da área de Deportes, Mariel Padín, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o alcalde deste e outros municipios da zona.

O rexedor, Benjamín Rodríguez, agradeceu que a Volta saíse este ano do seu concello e animou aos rapaces a “facer deporte e compaxinalo cos estudios”. Pola súa banda, Muñiz agradeceu a “aposta” da Deputación nos últimos anos co ciclismo, unha modalidade “que cada vez atrae a máis xente. “É un deporte de élite gratis”, sinalou o portavoz da federación.

 

 

Actividades para o público infantil

Ademais da Volta Ciclista, a iniciativa inclúe unha serie de actividades complementarias para os máis pequenos, que tan só terán que levar a súa bicicleta e casco. Haberá xincanas, xogos e unha pequena carreira en liña. Os participantes recibirán agasallos, pero ademais en cada etapa se regalará unha bicicleta a un dos participantes. Os clasificados recibirán trofeos e poderán subir ao podio real preparado para os ciclistas.

A Deputación da Coruña inviste máis de 51.000 euros neste programa, entre gastos de organización e premios para os gañadores. 

Hemeroteca