00:01 h. jueves, 28 de marzo de 2024

Uxío Abuín, Campión de España Elite e Sub 23 de Tríatlon na distancia olímpica

Stadio Sport  |  14 de septiembre de 2014 (03:00 h.)
podio aguilas 2014

Pablo Dapena foi o subcampión na proba elite. Na categoría feminina, Melina Alonso abandonou no último segmento cando ía no trío de cabeza

 

Uxío Abuín (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamouse hoxe en Águilas (Murcia) campión de España elite e sub 23 de tríatlon na distancia olímpica, mentres que Pablo Dapena (Cidade de Lugo) foi segundo e medalla de prata na elite. Gran actuación dos deportistas galegos na proba masculina, pero na feminina a intensa calor fixo estragos entre as competidoras. 

 

Elite masculina

A pesar das importantes ausencias (Gómez Noya, Mario Mola ou Fernando Alarza), na inscrición aparecían deportistas destacados e entre eles varios galegos que estaba dispostos a loitar polo triunfo. E iso puido verse dende o inicio. Xa ao saír da auga, entre os cinco primeiros había catro galegos (Uxío Abuín, Pablo Dapena e Alberto Castiñeira) e esa foi a tónica durante toda a proba. No segmento de bicicleta, estiveron sempre ben colocados nas primeiras posicións para evitar complicadas e así chegaron á segunda transición no primeiro grupo. Na quilómetro 5 da carreira a pe, Pablo Dapena atacou e so Uxío foi quen de seguir o seu ritmo, polo que os quilómetros restantes os fixeron xuntos sabendo que o triunfo estaba entre eles. Había que ver quen tería forzas para atacar e foi Uxío o que, a falta de 300 metros, acelerou e logrou abrir unha ampla distancia que lle permitiu proclamarse campión de España cun tempo de 1:52:54. O subcampionato foi para Pablo Dapena (1:53:19) e o bronce para o albaceteño Antonio Benito. Ademais hai que destacar a sétima posición no campionato de España de Nan Oliveras (Tri-Penta Terras de Lugo), 11º de Alberto Castiñeiras (Arcade Inforhouse) e 18º de Diego Paz (Arcade). 

Na categoría sub 23, Uxío Abuín logrou o título de campión de España, mentres que Nan Oliveras foi cuarto e Alejandro Álvarez (Cidade de Lugo), 11º.  E xa para rematar coa categoría masculina, destacar o bronce para o Arcade Inforhouse na categoría de clubs. 

 

Carreira feminina

Foi a primeira proba en celebrarase e co inconveniente dunha temperatura altísima que provocou moitas retiradas. Proclamouse campioa de España a deportista do Tríatlon Ferrol aínda que sen ficha galega, Miriam Casillas cun tempo de 2:08:51, mentres que Tamara Gómez (tamén do T. Ferrol) foi prata (2:09:14). Gran éxito do conxunto ferrolán. Tamén podemos destacar a cuarta posición da triatleta do Cidade de Lugo, Esther Rodríguez, que foi cuarta. 

A proba foi liderada por Sara Pérez dende o segmento de natación ata a última volta do sector de ciclismo. Moito desgaste para a deportista, mentres que por detrás un grupo numeroso –con Melina Alonso e María Ortega- ía recortando distancias pouco a pouco ata collela. Así, la T2 entrou un grupo de 17 deportistas con opcións a todo. Na carreira a pe, as forzas ían definindo os primeiros postos. Trala primeira volta, encabezaban a carreira Sara Bonilla, Miriam

Casillas e a galega Melina Alonso, pero dende atrás viña remontando posicións Tamara Gómez, tamén do Ferrol, que finalmente logrou a prata, mentres que Melina tivo que retirarse por un flato moi forte. A primeira deportista con licenza galega foi María Ortega, na undécima posición, e Joselyn Daniely Brea ocupou a 15ª posición.  

Na categoría sub 23 feminina, as posicións foron similares: Miriam logrou o título e Tamara o subcampionato, mentres que Joselyn foi sexta. Na clasificación de clubs femininos, o Tri-Penta Terras de Lugo quedou cuarto clasificado (con María Ortega, Joselyn e Irene Serrat).

Hemeroteca