00:07 h. viernes, 29 de marzo de 2024

O Universidade de Vigo de xadrez proclámase Campión Galego 2015

Stadio Sport  |  14 de abril de 2015 (01:43 h.)
xadrez

Tras imporse 0-6 ao Cidade de Narón e grazas á derrota do Círculo Ferrolano

 

Dependían dunha carambola matemática, pero esta vez o Universidade de Vigo de xadrez tivo sorte. Cumpriu co requisito de gañar 0-6 ao Cidade de Narón, a parte que estaba na súa man, e cruzaron os dedos para que o Círculo Ferrolano caese derrotado por 3.5 a 2.5 ou 4-2 ante o InterRías Sanxenxo. E así foi, proclamándose o Universidade de Vigo Campión Galego 2015 por terceira vez na súa historia.

O segredo deste desenlace, que se plantexaba matematicamente complexo, estivo segundo o capitán Pablo García, no intenso adestramento durante dúas semana e de feito, “os xogadores estaban desexando que chegase a hora”. Pero sobre todo, a clave foi o aspecto psicolóxico, a xestión da tensión e a motivación “para obter un resultado tan ambicioso”. Grazas a todas estas premisas, cumpriuse o guión deseñado polo capitán case ao milímetro, sentenciando na fase de apertura Rafael Rodríguez e Víctor Miguel e nas primeiras complicacións tácticas do medio xogo, facíano tamén Diego Guerra e Pablo García. A superioridade era manifesta e así se reflectía no marcador co 0-4. Quedaban en xogo as partidas de Roberto Páramos e de Miguel Senlle. O primeiro tiña a vantaxe material pero pouco tempo e Senlle adentrábase nunha posición moi complexa que requiría moito coidado. Pasadas as tres horas e media de xogo Páramos transformaba a súa vantaxe, subindo o 5 ao marcador e xa todo quedaba nas mans de Senlle, precisamente a partida que se presentaba máis difícil de inicio, ante Pantín, un clásico do xadrez galego. Co tempo inicial esgotado, Miguel xogaba xa cos 30 segundos de incremento que proporciona cada xogada realizada; cada vez quedaban menos pezas no taboleiro e unha pequena imprecisión podía resultar definitiva. Porén, esta situación de tensión e presión é na que mellor se desenvolve Senlle e volveu demostralo: entrando na cuarta hora de xogo subiu o 0-6 ao marcador. 

A primeira parte da ecuación estaba despexada e pasadas as 22.00 horas confirmábase a segunda, a derrota do Círculo Ferrolano e polo tanto a proclamación dos vigueses como Campións Galegos 2015. Pablo García valora moi positivamente a temporada e destaca que os equipos de xadrez da Universidade de Vigo “conseguiron ser moito máis accesibles e dar unha maior visibilidade ao xadrez en Vigo, ao disputar todos os encontros como equipo local nas magníficas instalacións do Real Club Náutico de Vigo”. Pablo García subliña tamén que o Universidade de Vigo está na elite do xadrez nacional, entre os 16 mellores equipos de España, competindo na Primeira División Nacional, e esta competición será o próximo reto dos vigueses. Por outra banda, nesta fin de semana tamén había moito en xogo para os equipos filiais e finalmente saldouse con medallas de prata para o UVigo-Xadrez Galego e o Escola Deportiva Universitaria. A parte negativa foron os benxamíns do Uvigo 2020, que empataron e perderon a categoría.

Hemeroteca