00:02 h. jueves, 18 de abril de 2024

Turismo de Galicia e o Consorcio da Ribeira Sacra colaborarán na procura dunha imaxe uniforme e unificada do destino

Stadio Sport  |  01 de octubre de 2015 (18:20 h.)

A directora de Turismo de Galicia asinou este xoves un convenio de colaboración co presidente do Consorcio Turismo Ribeira Sacra para a realización de actividades de promoción e información do turismo neste territorio. O convenio integra accións de diferente índole que continuarán coa labor de potenciación turística que se está a realizar neste territorio a raíz da posta en marcha do Plan de Dinamización Turística e a posterior creación do Consorcio Ribeira Sacra

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto cos delegados territoriais da Xunta en Ourense e Lugo, Rogelio Martinez e Raquel Arias, respectivamente, asinou este xoves un convenio de colaboración co presidente do Consorcio Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández, para a realización de actividades de promoción e información do turismo neste territorio.

O convenio constitúe unha continuación da colaboración realizada a través do Plan de Dinamización desenvolvido nesta área, levando agora a cabo actuacións que afectan ao conxunto do xeodestino, para, desta forma, potenciar este destino xa moi definido no ámbito turístico.

Durante o acto, Nava Castro destacou que o acordo constitúe unha mostra máis da aposta de Turismo de Galicia pola coordinación interadministrativa para lograr así unha xestión máis eficaz e un sector turístico competitivo e de calidade.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, o convenio integra accións de diferente índole que continuarán coa labor de potenciación turística que se está a realizar neste territorio a raíz da posta en marcha do Plan de Dinamización Turística e a posterior creación do Consorcio Ribeira Sacra.

Nava Castro afirmou que o obxectivo do convenio é traballar conxuntamente na renovación do material de promoción, a consolidación dos produtos turísticos, a priorización das accións de promoción, a difusión e dinamización dos valores patrimoniais, turísticos, paisaxísticos e medio ambientais da Ribeira Sacra e a comercialización dos produtos turísticos consolidados.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta resaltou que con esta colaboración procurarase a sensibilización tanto dos visitantes como dos propios veciños de cara a preservar e poñer en valor ese fermoso patrimonio natural, artístico e cultural que existe na Ribeira Sacra.

Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia sinalou que outro dos obxectivos desta colaboración é acadar unha imaxe uniforme e unificada en todos os establecementos turísticos deste territorio de cara a promoción do destino da Ribeira Sacra. Así, grazas ao convenio, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra aprobará unha ordenanza reguladora que establecerá a imaxe uniforme para todos os establecementos turísticos do destino.

 

Actuacións

Estes obxectivos se concretan en actuacións específicas como a creación de produtos como as Rutas do Románico da Ribeira Sacra coas que se potenciará o patrimonio cultural deste territorio; o Viñobus, que da a coñecer o enoturismo e a viticultura heroica; os Ciclos de Concertos Estacionais de música clásica, que teñen como finalidade converter a Ribeira Sacra nun referente en Galicia da música en espazos con encanto, ou nun novo programa de actividades baixo o nome de ‘Caída da folla na Ribeira Sacra’.

Outras das actuacións concretas que integra este convenio de colaboración é a elaboración de 21 murais e graffitis de exterior que reflicten de xeito artístico os emblemas, valores, recursos ou tesouros máis destacados deste territorio posta xa en marcha ou a reedición de diverso material informativo impreso como os mapas ou as guías de información, de servizos e de sendeirismo.

A estas accións hai que sumarlles as relativas á procura dunha imaxe uniforme e unificada en todos os establecementos turísticos deste territorio. Neste senso, o convenio integra diversas acción de difusión da imaxe do destino e accións promocionais referentes á creación dunha imaxe homoxeneizada dos elementos visuais, distintivos do destino que se utilizarán como ferramenta de marketing e á promoción da utilización desta imaxe creada entre os establecementos turísticos de cara á percepción dunha imaxe unificada por parte dos visitantes.

 

Máis de 26 mil viaxeiros en agosto

Durante a presentación do convenio, Nava Castro destacou que esta colaboración axudará, ademais, a continuar mellorando os datos turísticos deste xeodestino que alcanzou no pasado mes de agosto os 26.586 viaxeiros e as preto de 40 mil pernoitas o que supuxo un aumento de ocupación de 1,48 puntos porcentuais.

Deste modo, no que levamos de ano na Ribeira Sacra se rexistrou un aumento dos viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros do 12,51% en relación ao mesmo período do pasado ano, situándose en case 123 mil. Esta mellora trasladase tamén as pernoitas que se sitúan en máis de 177 mil o que supón un incremento do 9,75%.

Hemeroteca