00:00 h. martes, 19 de marzo de 2024

O Sindicato Labrego Galego rexeita o acordo do sector lácteo porque non garante prezos dignos nin a recollida do leite

Stadio Sport  |  24 de septiembre de 2015 (02:00 h.)

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, estivo en Madrid para participar na xuntanza do Ministerio de Agricultura na que se asinou o acordo do sector lácteo, e na posterior reunión da Interprofesional Láctea (Inlac)

 

Tal e como estaba previsto, o Ministerio de Agricultura sacou para adiante un documento (“Acordo para a estabilidade e sostenibilidade na cadea de valor do sector de vacún de leite”) que tivo o beneplácito das industrias e da distribución, pero que rexeitaron asinar o meirande dos gandeiros e gandeiras do Estado que representan COAG e UPA e, con estas organizacións agrarias, o Sindicato Labrego Galego.

O documento asinado este mércores non só non mellora a proposta inicial do 18 de agosto, senón que a empeora ao facer concesións ás industrias e distribuidoras. Por exemplo, desaparecen as alusións iniciais a prezos que cubran os custes de produción e se substitúen por algo tan vago como que os pagamentos das industrias “contribúan á sostenibilidade das explotacións”.

Tampouco aparece por ningures que estea garantida a recollida de todo o leite producido. No borrador presentado o 18 de agosto, podiamos ler o compromiso de que antes de finais de setembro se implante un contrato tipo de compravenda de leite no que se garanta ao produtor a recollida, a un prezo que permita a súa sostenibilidade e acorde co mercado, de polo menos un volume de leite equivalente á produción do gandeiro no último ano”. No documento asinado hoxe, desaparece a referencia temporal de finais de setembro e calquera referencia a garantir a recollida do leite.

En definitiva, o texto asinado neste 23 de setembro polo Ministerio de Agricultura, Asaja, cooperativas, industrias e distribuidoras non garante un prezo remunerativo que, como mínimo, cubra os custes de produción. Trátase dun documento que non concreta nada e que segue confiando a súa validez á boa vontade das industrias e das distribuidoras, esa mesma boa vontade na que se basea a Lei da Cadea Alimentaria que se supuña amparaba tantos miles de granxas que hoxe están ao borde da ruína.

Tanto o Sindicato Labrego Galego como a COAG cremos que é absolutamente imprescindible que o acordo vaia acompañado das suficientes garantías de cumprimento por parte dos axentes que o subscriban. E iso só é posible se hai un marco legal e un réxime sancionador que obrigue aos operadores a cumprir cos compromisos asumidos.

Por todo o devandito, nin o SLG nin COAG asinamos este documento que só se pode cualificar de decepcionante. En canto á resposta a adoptar, o Sindicato Labrego agardará á celebración da nova asemblea da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego que se convocou en Compostela para este venres, 25 de setembro, coa intención de analizar o acordo e valorar a que postura unitaria se chega ao respecto.

Hemeroteca