00:00 h. jueves, 18 de abril de 2024

O sector educativo, ao borde da insubordinación

Stadio Sport  |  25 de septiembre de 2015 (18:53 h.)

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, criticou o “errático e caótico” comezo de curso por parte do goberno galego, que “podería estar situando ao sector ao borde da insubordinación”

 

O responsable socialista presentou hoxe as dúas iniciativas centradas no comezo do curso escolar que levarán os socialistas galegos ao próximo Pleno do Parlamento.

Docasar considerou “incomprensible” que o conselleiro de Educación non queira comparecer no Parlamento ao comezo de curso, e terá que acudir “collido das orellas” a través dunha interpelación do PSdeG. Considera “inaprazable” a presenza do máximo responsable do ensino público en Galicia no Parlamento, que “tiña que ser unha obriga visto o caos que está xerando a lamentable e chapuceira implantación da Lomce”.

Esta implantación “insensata”, sen medios nin directrices claras e cun calendario inasumible é a que está soliviantando aos claustros de profesores, xa “cansos e cabreados de tanto maltrato e ninguneo” por parte do goberno galego. Sinalou así á “aberración” que supón a implantación do novo sistema educativo, con 8 niveis ao mesmo tempo, para “intentar dificultar a súa derrogación no momento en que haxa un cambio de goberno”.

A mesma improvisación e caos, dixo, que afecta á posta en marcha dos decretos de secundaria e bacharelato, tal e como o ano anterior se fixera cos decretos de primaria e FP Básica, provocando un “lío monumental” nos centros, “desorientados e molestos coa elaboración sen tempo material e sen directrices claras das novas programacións didácticas ”.

O malestar, dixo, vese incrementado tanto entre os profesionais como entre os usuarios, pola falla de profesorado, fundamentalmente profesorado de apoio, en moitos centros, así como co “caos absoluto” na xestión dos libros de texto, que ten enormemente enfadados aos equipos directivos dos centros e as anpas , por impoñer un sistema mais caro e que está deixando a “milleiros de familias e estudantes sen libros de texto nin material escolar ao comezo do curso”.

 

FP Básica

Vicente Docasar alertou tamén de que como consecuencia da implantación precipitada da denominada FP Básica, imposta o curso pasado como substitutiva dos PCPI sen que os centros educativos teñan recibido a día de hoxe nin un só euro para gastos, material nin adaptación de espazos, o alumnado actualmente matriculado nesta modalidade de ensino será moi prexudicado, xa que non poderán aspirar aos seus títulos ata 2018 se antes non é derrogado parcialmente o Decreto 127/2014.

Explicou que a propia Lomce establece que as reválidas para obter o título de Graduado de ESO só estarán implantadas no curso escolar 2017 – 2018, e os alumnos da FP Básica terán que agardar ata entón sen poder continuar coa súa formación tanto na FP de Grao Medio como no bacharelato.

O responsable socialista deu hoxe a alerta desta incongruencia no Real Decreto que regula a FP Básica e reclamará a súa modificación para incorporar unha disposición transitoria que permita aos alumnos que conclúan os seus estudos con éxito poidan obter o título de Graduado en ESO sen ter que someterse a ningunha reválida.

 

Equidade

Os socialistas galegos reclaman ademais que o goberno garanta a equidade do sistema educativo, garantindo que tódolos nenos e nenas dispoñan de libros de texto e de material escolar, así como que poidan acceder á Universidade independentemente da renda familiar e esixen o apoio necesario par atender aos alumnos con diversidades educativas.

Docasar solicitou a restauración progresiva das condicións profesionais e laborais arrebatadas ao profesorado durante o goberno de Feijóo, no que perderon aproximadamente o 30 por cento do seu poder adquisitivo, volvendo a niveis dos anos 90. Tamén instou a recuperar, a través dunha potente oferta de emprego público pactada en tempo e forma cos sindicatos representados na mesa sectorial de educación,as plantillas recortadas nestes seis anos.

O responsable socialista demandou o esforzo do goberno galego para incrementar os resultados educativos en competencia matemática, científica e comprensión lectora para “deixar de compararnos con Estremadura, Canarias ou Andalucía e facelo con comunidades como País Vasco, Navarra, Asturias , Aragón ou Castelá León, todas elas con mellores resultados ca nós e ao amparo da mesma lei educativa.

Finalmente, Vicente Docasar pediu ao goberno galego recuperar as partidas de gastos de funcionamento e mantemento dos centros educativos, a reposición dos equipamentos didácticos obsoletos ( e fundamentalmente material informático e de formación profesional ), e e corrixir con rigor e sen propaganda a fenda dixital existente entre os centros en función da súa ubicación xeográfica.

Hemeroteca