00:15 h. viernes, 29 de marzo de 2024

UNHA REPRESENTACIÓN PROPIA

Xoán Antón Pérez Lema  |  31 de agosto de 2015 (02:00 h.)

Nestes últimos días, algunhas opinións insistiron na prescindibilidade dunha representación galega propia no vindeiro Parlamento estatal

 

Dende PODEMOS afirmábase que un Grupo Parlamentario galego non resolvería o problema dos desafiuzamentos, mentres que  o catedrático de Dereito Constitucional R. Blanco Valdés viña dicir que dende formulacións políticas estatais Galicia perde e gaña ás veces, en canto que con representación galega soberana perderíamos sempre por sermos minoría no conxunto do Estado.

Unha e outra perspectiva, partillando certa aparente lóxica superficial, non explican porqué este verán milleiros de galegos coinciden na necesidade de que Galicia teña voz propia na vindeira lexislatura estatal, que abordará, canto menos, unha limitada revisión político-constitucional. Nun tal contexto, Cataluña, Valencia, as Illas Baleares, Canarias, Navarra ou Euskadi van contar con interlocutores propios. E Galicia, cun 5,5% do PIB e un 6% da poboación estatais, non será protagonista senón garante unha representación propia que defenda a nosa identidade e  intereses. As bases da actividade económica galega son  prescindíbeis para o conxunto do Estado. Que forza estatal vai amparar os nosos sectores lácteo, forestal, naval, tecnolóxico, audiovisual ou mar-industria? Qué partido estatal vai defender a mellora do noso financiamento local, que detrae máis de 1100 M€/ano (uns 430 € por cada galego)  da cobertura dos nosos servizos sociais ao non ponderar o avellentamento e dispersión poboacionais? Só con estes cartos, os  nosos concellos darían amañado  as peores consecuencias sociais da Depresión.

Así e todo,  unha representación galega soberana e plural non pode casar con ninguén, mais tampouco defender neutralidades imposíbeis. É  evidente que hai forzas estatais que acreditan máis ca outras no respecto á plurinacionalidade do Estado, nos valores da rexeneración democrática e da transparencia e  nunha axenda social que aposte polas persoas e pola  cohesión social. A futura Maré ou candidatura unitaria de País semella que non podería esquecer unha realidade tan evidente.

Hemeroteca