00:10 h. jueves, 18 de abril de 2024

Os Reis Magos realizarán un percorrido internacional entre Tui e Valença o próximo día 5

Stadio Sport  |  30 de diciembre de 2015 (19:49 h.)

Máis de 200 persoas integran a comitiva real que repartirá máis de 1000 quilos de caramelos sen gluten

 

A Cabalgata Internacional de Reis da Eurocidade sairá o próximo martes, 5 de xaneiro, ás 17 hora española dende o Albergue de Peregrinos de San Teotonio en Valença. A comitiva real fará un percorrido de tres quilómetros e medio durante case dúas horas polas Avenida dos Bombeiros Voluntarios e a Avenida de Espanha en Valença para cruzar pola vella Ponte Internacional e xa en Tui percorrerá a Avenida de Portugal e as rúas Martínez Padín, Augusto González Besada e Paseo da Corredoira a onde chegará entorno ás sete da tarde. Este será o sexto ano consecutivo en que Melchor, Gaspar e Baltasar realizan este percorrido internacional.

Os Reis Magos chegarán a Tui en tres magnificas carrozas na compaña de 18 paxes, e acompañados de cinco carrozas máis realizadas polas asociacións culturais Arume de Malvas, Lembranzas da Terra de Guillarei, Laxes de Paramos, Aloia de Pazos de Reis  e Xuntanza de Randufe, así coma por unha carroza da Cámara de Valença e o tren turístico. A Rondalla do Centro Cultural O Mosteiro de Pexegueiro será a responsable da animación musical. En total a comitiva real estará integrada por 200 persoas entre figurantes e voluntarios.

Amais do incremento no número de carrozas participantes, entre as novidades deste ano destaca tamén o cambio no emprazamento do belén vivinte que se ubicará diante do Seminario Menor no Paseo da Corredoira. Aí os Reis farán a súa ofrenda e darán lectura á mensaxe real, agasallarán con caramelos ao público e posteriormente recibirán a todos os nenos e nenas que desexen saudalos.

Entre ás 18.30h e ás 20:30h diante do Palco da Música no Paseo da Corredoira estarán Goofy e Bugs Bunny animando aos cativos mentres agardan a chegada dos Reis Magos.

A Cabalgata Internacional de Reis está organizada pola Concellería de Ensino e Cultura do Concello de Tui conxuntamente coa Cámara Municipal de Valença, dentro das actividades da Eurocidade Valença-Tui. Colaboran a Radio Municipal de Tui, o Grupo Scout Alhoia, e a  Policía Local, por parte tudense, e a GNR, e Bombeiros Voluntarios de Valença.

 

Restricións no tráfico

Debido á celebración da Cabalgata de Reis haberá restricións de tráfico nas rúas por onde transcorre, con prohibición de aparcar dende primeira hora da tarde tanto na rúa Martínez Padín coma Augusto González Besada. Amais estará pechado ao tráfico dende ás 18.30h a N-550 dende a intersección entre Augusto González Besada e a Betanzos e a intersección entre a Avenida da Concordia e a rúa Maristas.

 

Visita ás residencias Paz e Ben e San Telmo

Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán  o martes pola mañá aos maiores que viven na residencia Paz e Ben e na residencia San Telmo. Irán acompañados pola Rondalla do Centro Cultural O Mosteiro de Pexegueiro

 

Cabalgata Internacional de Reis

Saída: Ás 17 hora española do Albergue de Peregrinos de San Teotonio en Valença

Chegada: Ás 19h diante do Seminario Menor no Paseo da Corredoira en Tui 

Percorrido: 3,5 quilómetros. Reparto de 1.500 quilos de caramelos sen gluten

Hemeroteca