00:02 h. jueves, 18 de abril de 2024

Un recoñecemento a 19 anos poñendo en marcha as andainas en Galicia

Rosa Tedín | Ourense  |  18 de julio de 2014 (03:00 h.)
willy

José García-Calvo 'Willy' foi galardoado cunha distinción ao mérito deportivo da Xunta. Desde 1999 é responsable das rutas culturais da Universidade de Vigo

 

“Licenciado en Educación Física, técnico deportivo do campus de Ourense e impulsor de deportes da natureza na provincia de Ourense. É toda unha institución no mundo do sendeirismo e fundador de andainas tan populares como a de Allariz (XVII edición) ou a de Ourense (XI edición). Autor de distintas publicacións, como deportista participou en destacadas competicións como a Marathon des Sables no deserto africano”. Por estes méritos, a Xunta de Galicia vén de outorgar unha das súas distincións ao mérito deportivo a José García-Calvo Willy, responsable das rutas culturais da Universidade de Vigo e do Obradoiro de Supervivencia que se realizan cada curso académico, entre outras cuestións.

García-Calvo foi un dos 35 premiados, entre os que se atopaban deportistas, adestradores, árbitros, clubs, eventos e patrocinadores, recoñecidos na edición 2014 destes galardóns. Cada un deles recolleu de mans do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o diploma e a insignia que recoñece a súa traxectoria a prol do deporte nun acto celebrado no Auditorio Municipal de Cangas o venres 12 de xullo. “Sempre é unha satisfacción e unha ilusión que se acorden dun e que lle recoñezan o traballo feito, sobre todo se o que se recoñece é toda unha traxectoria persoal ou profesional. Son xa 19 anos facendo andainas por Ourense e por Galicia adiante e ese é o maior orgullo que teño”, explica o homenaxeado.

 

Partindo de cero

Todo comezou, explica, cando aínda sendo militar, un amigo e el decidiron ir a Madrid a participar nunha proba que consistía en percorrer 100 quilómetros en 24 horas. “A pesar do mal tempo rematamos o percorrido en 18 horas e a experiencia encantounos. De regreso a Ourense, pensei que podía ser moi interesante facer aquí algo parecido. Dividín os quilómetros e o tempo á metade e así naceu a andaina de Allariz, que comezou con unhas 350 persoas hai 18 anos e hoxe son xa máis de 800 os andaríns que participan nela”, comenta este zamorano, ourensán de adopción. 

Poucos anos despois, en 1999, indica, comezou a colaboración coa Universidade de Vigo. “Un día chamoume Pino Díaz, que por aquel entón era a responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense, e me dixo que lles gustaría facer algo co gallo da celebración do Xacobeo 1999. Puxémonos en marcha e ese ano fixemos seis rutas de preparación e a principios de maio realizamos durante tres días o Camiño de Santiago. Foi unha primeira experiencia que resultou moi ben e que acabamos repetindo”, salienta. A partir desa data, cada curso académico el é o encargado de coordinar unha programación de rutas culturais universitarias que cada curso leva aos amantes das andainas por toda Galicia, para descubrir novas paisaxes e experiencias camiñando e compartindo conversa. “A día de hoxe, as rutas culturais da Universidade xa están moi asentadas e contan cun público moi fidelizado ao que cada ano se lle suma máis persoas. O balance que fago delas é fantástico, tanto desde o punto de vista deportivo e cultural como, e sobre todo, humano”, apunta García-Calvo.

“Eu non inventei as andainas, o meu mérito foi ter sido o seu precursor en Galicia e traballar na súa posta en marcha e consolidación durante case dúas décadas”, indica o homenaxeado. Nesta tarefa de pór en marcha e consolidar andainas por toda a xeografía galega, explica que foi decisiva a súa formación e experiencia no exército, onde estivo 45 anos e onde chegou a ocupar o cargo de coronel. “Todo o que fixen despois de estar no exército bebe do alí aprendido”, comenta. Coa visión que da coñecer como estaba aos seus inicios o sector e como está agora, salienta que o panorama actual das andainas en Galicia “é de dez”. “Agora o importante é que as andainas non perdan o seu espírito. Nas andainas o protagonista debe ser única e exclusivamente o andarín, sen máis estorbo nin competición. A idea é gozar do camiño, da paisaxe e da compaña e punto”, subliña por último Willy.

Hemeroteca