15:55 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Quimioterapia no Hospital da Costa

Jose Manuel Balseiro Orol  |  09 de noviembre de 2014 (02:00 h.)

Jose Manuel Balseiro Orol
Secretario do Parlamento de Galicia 

 

Anticipándose ao prazo marcado no seu momento –antes de finais de ano– o novo hospital de día oncolóxico entrará en funcionamento no Hospital da Costa, en Burela. Os populares da Mariña lucense adquirimos un compromiso cos veciños desta comarca e, moi en particular, cos enfermos de cancro e os seus familiares, e hoxe podemos asegurar que estamos en disposición de cumprilo.

Cando o ano pasado, impulsei e defendín a iniciativa no Parlamento de Galicia na que se establecía o mandato á Xunta para poñer en marcha a nova unidade de oncoloxía no Hospital da Costa, respaldada daquela tan só cos votos favorables do PP e do BNG, atopámonos coa desconfianza de socialistas e do Grupo AGE, que non a apoiaron. Non é a primeira vez que desde a oposición boicotean ou poñen en dúbida as melloras sanitarias que a Xunta impulsa no noso hospital, pero isto fainos traballar aínda con máis intensidade.

O compromiso do Partido Popular adquiriu forma nese acordo parlamentario, pero tamén cando esta mesma petición foi trasladada polos grupos municipais populares aos plenos dos concellos da nosa comarca. Buscábamos amosar, que esta non era unha demanda partidista, senón unha demanda social: a necesidade de corrixir unha situación que merecía mudarse.

Máis dun cento de veciños desta comarca, 250 segundo as novas estimacións, vénse na obriga de desprazarse ata as cidades de Lugo ou da Coruña para recibir os seus tratamentos de quimioterapia, moitos deles agora poderán recibir esta medicación para o combate do cancro en Burela, no noso hospital, coas mesmas garantías sanitarias, co total coidado dos profesionais médicos e de enfermería, coa mesma calidade e moito maior confort, ao evitarse longas viaxes.

A unidade de oncoloxía do Hospital da Costa entrará en servizo, dun xeito progresivo, nos vindeiros días. Desde aquí quero agradecer o impulso e compromiso de todos os que o fixeron posible. Ao xerente do Hospital, Francisco Soriano, á conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e ao propio Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que veñen dando mostras da súa sensibilidade con estes enfermos, pero tamén coa mellora xeral do Hospital da Costa, que ante si ten retos tan ambiciosos como a súa ampliación que, unha vez máis, fronte a desconfianza, volveremos a facer realidade.

Hemeroteca